"Se o boom da música tradicional fose auténtico habería máis grupos que se terían profesionalizado"

Ugia Pedreira, voz e cerebro do folk

Ugía Pedreira está a consolidarse coma unha referencia indiscutible na música folk e tradicional galega. Tanto desde os escenarios, onde co grupo Chouteira revolucionou o xeito de tocar folc, coma desde a dirección do Conservatorio de Música Tradicional e Folque de Lalín, que vai polo seu segundo ano de andaina. Desde este conservatorio colaborou na organización do I Congreso de Antropoloxía Musical que se celebrou na capital do Deza. Considerada como unha das mellores vocalistas do panorama galego, demostra nesta entrevista que ademais de voz posúe unha grande capacidade de análise sobre a situación da música tradicional e explícanos como se desenvolveu o congreso.

Vides de organizar o congreso de antropoloxía musical, ¿a que conclusións chegastes?
O congreso estaba un pouco para reflexionar sobre o contexto musical no primeiro momento, para nós o primeiro achegamento ao mundo da investigación e da universidade. Hai que ter en conta que o noso é un conservatorio municipal, nin máis nin menos, un conservatorio que nin sequera está homologado, xa que este tipo de música ata o de agora non está recoñecida. Co congreso fixemos unha serie de reflexións en canto a política, cultura...o contexto musical no que se vai desenvolvendo o folclore. Para isto foi moi preciso e perspicaz Marcial Gondar, que interveu o primeiro día. A continuación pasamos á etapa máis culta da música popular. Falando disto tivemos a Margarita Sotoviso e a Millán Picouto, toda unha xente que emprega nas súas composicións elementos da música tradicional. Para rematar interveu Xosé Luís do Pico que estivo tratando o folclore coma medio de comunicación e a profesora Ana Rosa Torres que fixo unha aproximación ao método Kodalis de ensino. Iso unido a todas as actividades que se realizaron ademais das ponencias obtivemos un resultado suficientemente positivo como para voltar facelo o ano que vén.

¿Está entón prevista a continuidade deste congreso?
Poida que non se chame así, que se tente facer outra historia. Non queremos constreñirnos, e falaremos do que nos apeteza, non ten por que ser Antropoloxía Musical.


¿Como xurdiu a idea de organizar este encontro?
Tanto Xosé Luis Dopico coma min estivemos hai varios anos con outra xente nunha asociación chamada Seminario de Estudios Etnográficos Arco de Mazarelos. Esta asociación organizou durante catro anos a Semana de música Tradicional co Museo do Pobo Galego, ou sexa que organizar estas actividades non son para nós novas. Pensamos en facer un congreso, con dous días apretados e actividades paralelas, pero a organización correu a conta do conservatorio coa axuda dos alumnos e das alumnas e logo na dirección de Xosé Luis Dopico e eu, pero traballamos todos á par sen ningún tipo de problemas. Algo que nos comentou a xente que se achegou aos relatorios é que se estrañaba moito da nosa mocidade e realmente, non pasaba ninguén dos trinta. E tamén das nosas ganas e da naturalidade da organización, que cada un puidese ir vestido do seu xeito e expresarse do seu xeito. En xeral quedaron moi contentos. Por exemplo con Xosé Antonio Gómez de Oviedo iniciamos unha boa amizade que tanto a el como a nós nos vai valer para pasarnos libros, música, contactos e ao mellor facer no futuro algunha actividade conxunta.

¿Cres que existe unha comprensión suficiente da música tradicional, tanto a nivel de público coma artístico?
É algo moi complicado. En canto á interpretación, cada un ten a necesidade de expresarse e de tocar a música que quere. Eu creo que é moi válido que cada un se exprese como queira na música tradicional, no jazz, no que sexa. O que acontece é que coa música tradicional é algo máis delicado porque hai unha cultura detrás, supoño que coma no resto, pero ao ser algo noso é cando se comezan a complicar os termos. Pero a investigación e a interpretación non están reñidas, debería haber máis interdisciplinariedade. Así as novas xeracións que se achegan á música tradicional poden recreala e facer o que queiran a partir dela. Trátase de tela suficientemente asimilada e interiorizada coma pode pasar na música do Brasil, onde aínda que fagan calquera tipo de xénero musical teñen un aporte de raíz, e iso é algo que nós aínda non o demos conseguido. Por iso é importante estudar casos coma este, coma o do Brasil onde si que levaron isto á práctica.

-¿Cres que os medios de ensino e de transmisión musical modernos, coma os discos, son axeitados para que perviva a música tradicional?
É unha canle coma outra calquera. Se é unha necesidade persoal da xente facer discos, pois evidentemente hai que facelos. O que pasa é que os medios de comunicación coma sempre non apoian o suficiente. Na Radio Galega escóitase moita música galega, pero non chega. Na Televisión Galega escóitase pouca música galega e tampouco chega. E o mesmo nas radios locais, nas radios independentes... Os profesionais, os que nos estamos dedicando á música galega deberiamos ter máis lugar. E o mesmo na prensa escrita. Hai que aceptar a música tradicional coma algo normal, coma parte da cultura, igual que sae un libro, un disco, algo audiovisual habería que comunicarllo a todos os membros da nosa comunidade. Pero non é así, e é un grande esforzo cada vez que tes que presentarlle algo a un país. E non debera selo, porque non creo que pasen moitas cousas aquí realmente. Nós estamos construíndo algo e deberían sabelo todas as comarcas.

¿Como ves o futuro da música tradicional en Galicia?
Se se abrisen máis centros coma o noso para a formación, mellor. Este é un espazo a gañar e que a xente vaia coñecendo a tradición. Penso que imos sempre un pouco lentos, pero se non é para o ano que vén que se constrúe outro centro, será para dentro de dous ou de tres anos. Imos despacio sobre todo por esa falta de apoio dos medios de comunicación, e tamén do público, que compra poucos discos galegos. O “boom” de música tradicional do que se falou é de márketing puro e duro. Se fose un “boom” auténtico habería máis grupos que nos últimos cinco anos se profesionalizarían e a xente non tería que estar traballando nunha fábrica de madeira, por exemplo, e despois dedicarse a subir ós escenarios. E se nos últimos cinco a sociedade e nós mesmos non o dimos conseguido, pois non creo que este tan ben o sector.

Na busca dunha normalización do sector vides traballando no Conservatorio de música tradicional e folc de Lalín, ¿por que esta distinción entre tradicional e folk?
Nós puxémoslle o nome de folk porque pensamos que moita da música de raíz hai que reelaborala, e para reelaborala está este concepto de música folk que emprega todo o mundo, e no que non tes que empregar exclusivamente instrumentos tradicionais ou non tes que cantar con elementos tradicionais senón que simplemente gardas a forma e xénero e a partir de aí constrúes música de raíz con determinadas influencias. En troques a música tradicional significa máis que os teus instrumentos son "tradicionais", entre comillas, porque tradicional e puro tampouco hai absolutamente nada, non hai verdades absolutas. Pero queriamos que os alumnos se desen conta de que son dous pasos diferentes. Moitos dos grupos hoxe en día son folks, non fan música tradicional como por exemplo facía Muxicas na súa primeira época.

¿Como xurdiu o conservatorio?
O conservatorio xurdiu por parte dun grupo de persoas de Lalín, membros da asociación Berra e sobre todo Luís Are�n que tiñan pesado deixar a idea no Concello. Pasou o tempo, eu fun tocar con Chouteira en Lalín, nun venres folk dos que organizan alí. Logo voltei na inauguración da Feira das Mentiras, con Manu Chao e outra xente, e houbo un terceiro achegamento á vila que foi hai máis dun ano e medio tampouco foi para falar do conservatorio pero rematamos falando do conservatorio. Nesta última ocasión xa se falou persoalmente co alcalde para ver como se podía ir organizando un plano de estudios, que viñese xente a dar aulas...

¿Que tal está a funcionar?
Estamos contentos, pero é un traballo diario e como é a nosa primeira vez temos os nosos erros e os nosos logros. Andamos á procura de facer un proxecto curricular de centro que sirva para outros centros, e iso leva o seu traballo. Logo algúns de nós vimos do mundo da docencia, outros non, e para que funcione ben a engrenaxe non é só cousa dun ano, cómpre máis tempo, hai que ter paciencia e poder asentar as cousas. Tentamos involucrar o máximo posible aos alumnos no funcionamento do centro e nas cousas que se fan, e iso viuse no congreso, en toda a axuda que aportaron para a exposición de tecidos, a recuperación de películas... Para que o centro funcione e funcione ao ritmo dun conservatorio normal está a resultar complicado, pero non é imposible.

¿Tedes previstas máis actividades para os vindeiros meses?
Non, rematar o curso, facer os exames e ir preparándoo todo para o ano que vén.