A música protagoniza o Día das Letras dedicado ás cantareiras

A RAG presenta o seu programa anual arredor da celebración do 17 de maio

A RAG presenta o seu programa anual arredor da celebración do 17 de maio
Imaxe do programa Primavera das Letras
A sede da Fundación Seoane, na Coruña, acollía este 10 de febreiro a presentación do programa que a Real Academia Galega artellará ao longo do ano arredor do Día das Letras Galegas. A efeméride está dedicada nesta ocasión "á poesía popular oral e ás mulleres que contribuíron á súa creación e transmisión" e personificada en Adolfina e Rosa Casás, Eva Castiñeira e mais Manuela Lema, Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda e Teresa García Prieto, as catro integrantes das Pandeireteiras de Mens que faleceron hai máis de dez anos, requisito establecido para recibir esta dedicatoria.

Segundo destacou a académica Ana Boullón na presentación do programa "este será en calquera caso un ano para recoñecer tamén a contribución das dúas integrantes do grupo falecidas máis recentemente, Adela Rey Torrado e Teresa Lema Varela, e de milleiros de mulleres que en cada aldea tiveron un papel destacado na creación e transmisión dun riquísimo patrimonio de tradición centenaria".

Malpica de Bergantiños, berce das Pandeireteiras de Mens, acollerá o pleno extraordinario que a entidade celebra cada 17 de maio, no que pronunciarán cadansúa alocución de Antón Santamarina, Ana Boullón e Xesús Alonso Montero.

O programa escolar Primavera das Letras darase o coñecer o vindeiro 10 de marzo coa comunidade escolar de Cerceda, concello natal de Rosa e Adolfina Casás. Dentro do web da iniciativa incluirase a obra de teatro de Paula Carballeira As ferreñas que combina música, poesía e radio entre outros elementos e que contará con ilustracións de Nuria Díaz. Canda ao texto, o web acubillará tamén actividades interactivas relacionadas co cancioneiro popular galego, as cantareiras e o universo da poesía popular oral.

Como é habitual nos últimos anos, a RAG producirá tamén neste 2025 unha serie web dedicada ás figuras homenaxeadas. Se canto é porque quero, codirixida por Damián Varela e Alba López Álvarez contará con tres episodios, o primeiro arredor de Rosa e Adolfina Casás, outro dedicado ás Pandeireteiras de Mens e o último a Eva Castiñeira. Segundo explicaron os codirectores, "aínda que cada capítulo leva un nome e un apelido, non esquecemos que esta é unha homenaxe coral. O noso obxectivo é abordar cuestións máis xerais vinculadas ás cantareiras e á nosa tradición oral".

O tamén tradicional simposio das Letras Galegas, que se celebrará no terceiro trimestre do ano, centrarase desta volta en novas liñas de investigación sobre a poesía popular oral.

Segundo destacou na presentación o presidente da Academia, Víctor F. Freixanes, "concibimos as Letras Galegas das cantareiras como o recoñecemento ao propio pobo galego que durante séculos mantivo viva a nosa lingua, e en particular ás persoas que crearon de forma anónima a poesía popular. E estas foron fundamentalmente as mulleres, como xa sinalaba no século XVIII o padre Sarmiento, pioneiro das recollidas".

Pola súa banda, Ana Boullón apuntou que coa homenaxe "queremos salientar a forza viva da tradición. Dicía Castelao que a tradición é a alma de Galicia, que vive no instinto popular e nas entrañas do noso chan. Recoñecemos as protagonistas das Letras como parte dela, como parte de nós. A mocidade que tomou o seu relevo, reinterpretando as súas músicas e as súas letras está a mostrar o camiño. Será este un ano de celebración en todas as vilas onde houbo cantadoras, onde se celebraron foliadas e onde se cantan regueifas".