Falece Xosé Vizoso, protagonista do Día da Ilustración 2025

O que fora durante anos o principal deseñador Sargadelos deixa unha ampla obra en diferentes ámbitos

O que fora durante anos o principal deseñador Sargadelos deixa unha ampla obra en diferentes ámbitos
Na madrugada deste domingo 9 de febreiro falecía na súa casa de Brión Xosé Vizoso. O que fora cabeza do equipo de deseño de Sargadelos durante anos e autor de moitas das pezas máis coñecidas da firma, tiña 75 anos e arrastraba desde hai tempo problemas pulmonares. Vizoso protagonizou, o pasado 30 de xaneiro, o Día da Ilustración Galega, sendo o primeiro autor vivo que recibiu este recoñecemento.

O falecemento de Vizoso espertou diferentes pésames desde a sociedade galega. Entidades como a Asociación Galega de Profesionais da Ilustación, o Consello da Cultura Galega e a Real Academia Galega achegaron pésames aos que tamén se sumaron voces do mundo da ilustración como Xaquín Marín, David Pintor ou Kiko da Silva entre outros. Tamén o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Cultura, José López Campos, ademais das corporacións de Brión e de Mondoñedo, de onde era natural o autor, lamentaron o pasamento.

O Concello de Brión anunciou que declarará loito oficial. A capela ardente por Vizoso estará instalada desde o mediodía de luns no tanatorio de Boisaca, onde se celebrará ás oito da tarde un acto cívico na súa honra.

A Biblioteca de Galicia da Cidade da Cultura acolle ata o vindeiro 12 de maio a exposición retrospectiva Xosé Vizoso - O neno que debuxou un cabalo, mentres o pazo de San Marcos de Lugo ten aberta ata o 29 de marzo a mostra Universo Vizoso. Estes proxectos dan contan do volume da obra do autor, que desenvolveu un intenso traballo en ámbitos como o cartelismo, a ilustración, a caricatura e o retrato, e que deixa no seu domicilio de Brión un grande arquivo de material, moito del inédito.