
Por outra banda, o Boletín Oficial da Provincia (BOP), o xornal oficial no que se publican as resolucións das diferentes administracións públicas, da Administración de Xustiza e de particulares -asuntos que se circunscriban á provincia de Ourense- estrea unha nova ferramenta dixital que convirte á publicación electrónica en referente de accesibilidade. A través do portal situado en internet xa está dispoñible unha funcionalidade que permite escoitar tanto o índice coma os edictos do BOP. O botón de escoita, dispoñible ao inicio da páxina oficial e en todos os edictos, supón unha mellora en accesibilidade dixital, xa que ofrece unha mellor experiencia ao maior número posible de persoas, incluídas aquelas que teñan algunha discapacidade como, por exemplo, persoas con discapacidade visual, pero tamén outros usuarios do boletín que teñan dificultades neurocognitivas ou discapacidades intelectuais. Dende a Área de Transparencia e Goberno Aberto infórmase tamén que están a traballar noutra funcionalidade que complemente a que agora se presenta, e orientada a facilitar a navegación integral a persoas con outros tipos de capacidade. O obxectivo e chegar ao 100% da poboación independentemente da súa capacidade ou condición física.