O Álbum de Galicia incorpora a Virxilio Viéitez

Vítor Vaqueiro considérao 'o fotógrafo da individualidade e do infinito universo humano'

5/2/2025 | Santiago. Redacción | Seccións: Sociedade
Compartir:

Virxilio Viéitez (Soutelo de Montes, Forcarei, 1930-2008) foi "o fotógrafo da individualidade e do infinito universo humano". Así o define Vítor Vaqueiro, autor da entrada do fotógrafo forcareiés que se acaba de incorporar ao 'Álbum de Galicia', colección de biografías dixitais que mantén o Consello da Cultura Galega (CCG). Na entrada do Álbum destácase que "a construción e proxección da vida de Virxilio Viéitez mostra aspectos que parecen querer reenviar o fotógrafo a un relato lendario". Alén do texto biográfico, a entrada inclúe tamén vídeos de entrevistas realizadas ao fotógrafo, así como diferentes documentos e estudos que permiten afondar no seu traballo.

Nado en Forcarei, Viéitez quedou ao coidado da avoa cando a súa nai marchou traballar a Madrid. Emigrou a Barcelona onde, ademais de barbeiro, aprendeu a técnica fotográfica e o traballo de estudio no gabinete fotográfico de Juli Pallí en Palamós. Con vinte e tres anos inauguraría a súa propia carreira de fotógrafo independente. Tras regresar a Galicia para o coidado da nai, Virxilio Viéitez montou un gabinete fotográfico no que amosa un estilo propio, no que substituíu panos de fondo artificiais por naturais e "mostrou unha impecábel coherencia, ao construír imaxes onde, exactamente o mesmo que ocorrería nun estudio, o ceo se acha ausente". Ademais, explica Vaqueiro que nese período "percorrería nunha motocicleta as comarcas galegas do sur, documentando con dilixencia o nome das persoas fotografadas, tornaría eventual cronista deportivo, traballaría como efémero correspondente gráfico para El Pueblo Gallego". Retratou homes e mulleres da Terra de Montes nos seus oficios, nas súas casas, ademais de tirar as necesarias fotos para o carné de identidade. Simultaneou o oficio xunto con outros traballos ata 1991 cando, afectado pola competitividade, a consolidación da cor e os incipientes problemas de visión abandonou a práctica fotográfica.

Que che parece esta nova?
58 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Do mesmo ámbito

21/10/2010

A ollada humilde

O MARCO redescubre a Virxilio Viéitez, o fotógrafo que dignificou o cotiá

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Virxilio, Álbum de Galicia, Vítor Vaqueiro, Forcarei...