A RAG presenta a Guía de apelidos galegos

O novo recurso en liña quere facilitar a recuperación de formas non deturpadas destas denominacións

O web da Real Academia Galega (RAG) incorpora desde este 29 de xaneiro a Guía de apelidos galegos, un buscador que recolle información sobre máis de 6.000 nomes de familia, que corresponden cun 95% da poboación galega. A institución presentaba na mañá desta mesma xornada a ferramenta, coa que pretende contribuír á restitución de formas non deturpadas destas denominacións.

No texto de presentación desta iniciativa, que fai un repaso á historia destas denominacións, a RAG lembra que a progresiva implantación do castelán a partir do século XVI como lingua para todo tipo de documentos oficiais levou a unha castelanización de moitos destes nomes familiares. Segundo lembraba Boullón, este "foi un proceso anárquico, no que formas como Méndez ou Mariño se mantiveron practicamente sen alteracións mentres outras como Outeiro foron moi castelanizadas. No censo hai rexistrados case 40.000 Otero e apenas 300 Outeiro".

Canda a Ana Boullón participaron no proxecto o académico de número Gonzalo Navaza e os académicos correspondentes Antón Palacio e Luz Méndez, todos eles membros do Seminario de Onomástica da RAG. Este mesmo equipo está a traballar nun Dicionario de apelidos galegos que ofrecerá proximamente "as etimoloxías e as distribucións xeográficas de cada forma, ademais de sinalar a documentación máis antiga" na que aparece cada forma.

Na presentación do proxecto, que se realizou na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago, o presidente da Academia, Victor F. Freixanes, salientaba que "os apelidos son a crónica dunha estirpe, marcas de identidade nas que recoñecemos a propia liñaxe, a memoria da familia ou do clan. Detrás deles latexa a memoria do que somos. Estudar esa memoria significa coñecérmonos un pouco máis a nós mesmos, non tanto dende unha perspectiva particular ou individual, mais comunitaria e compartida".

No seu web, a Academia lembra que "a reforma de 1999 da Lei do rexistro civil (Lei 40/99, de 5 de novembro) permite mudar a forma dos apelidos para 'regularizalos ortograficamente cando a forma inscrita no Rexistro non se axeite á gramática e fonética da lingua española correspondente', mediante un sinxelo trámite".