O museo que coida da saúde mental

Sergas e Deputación de Pontevedrá porán en marcha un programa piloto de apoio a pacientes

Sergas e Deputación de Pontevedrá porán en marcha un programa piloto de apoio a pacientes
Sinatura do acordo Foto: Deputación Provincial de Pontevedra
O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, e o xerente da área sanitaria Pontevedra-O Salnés do Sergas, José Flores, asinaron este luns no Museo de Pontevedra un convenio de colaboración para a posta en marcha dun programa piloto de prescrición cultural no Museo de Pontevedra, co que se busca mellorar a saúde mental e emocional dos pacientes en Galicia a través da participación en actividades culturais e artísticas no Museo. Sergas e Museo colaborarán neste programa piloto para mellorar a calidade de vida dos pacientes a través da participación en actividades culturais, talleres artísticos e outras actividades organizadas no MuseoUnha vez avaliada a súa viabilidade e efectividade o seguinte obxectivo sería implementalo a maior escala dentro do Sistema Galego de Saúde.

O programa piloto nace do crecente interese en enfoques terapéuticos alternativos, emerxendo o concepto de prescrición social como unha ferramenta eficaz para abordar a saúde mental o emocional e o benestar xeral. O estrés, a soidade e os trastornos de saúde mental (depresión, ansiedade…) afectan na actualidade a gran parte da poboación, polo que é necesario ter respostas innovadoras nos sistemas de saúde. Dentro da prescrición social, a prescrición cultural considera que a participación en actividades culturais e artísticas ten un impacto positivo directo sobre o benestar emocional, a cohesión social e a calidade de vida. O proxecto organizarase en cinco fases. Na primeira formarase os profesionais de atención primaria e especialistas en saúde mental sobre o valor terapéutico da cultura. Na segunda, avaliarase inicialmente e realizarase unha diagnose dos pacientes seleccionados. A terceira fase correspóndese coa implementación do programa piloto a través de visitas guiadas, talleres artísticos ou eventos culturais. Na cuarta fase medirase o seu impacto na saúde dos pacientes e, na quinta, ao remate do programa piloto, o Sergas elaborará un informe para avaliar a viabilidade da súa expansión.

Sólida evidencia científica de beneficios
O vicepresidente Rafa Domínguez, que ademais é médico en activo, sinalou que se trata dun programa "innovador para que os médicos do Sergas poidan prescribir aos seus pacientes cultura, e que teñan unha arma máis para axudar a aqueles con cadros de depresión, ansiedade ou outros de saúde mental onde a cultura poida ser beneficiosa para eles". No contexto de busca de enfoques terapéuticos alternativos aos farmacolóxicos, “cremos que o Museo de Pontevedra é unha plataforma ideal”, asegurou Domínguez, que lembrou que a prescrición cultural se basea "nunha sólida evidencia científica que amosa os beneficios das actividades culturais na saúde mental e emocional, especialmente nun momento en que os problemas de saúde mental se intensificaron debido á pandemia da COVID-19". Será, polo tanto, "unha oportunidade única baseada en evidencias e exemplos de éxito a nivel internacional" en lugares como o Reino Unido, Francia, Australia ou Bélxica.