Samuel Merino obtén o XIII Premio Lueiro Rey de poesía

A obra Manual de camuflaxe valeulle este galardón, dotado con 2.500 euros

A organización do Premio Manuel Lueiro Rey de poesía daba a coñecer este venres 16 de xaneiro o fallo da décima terceira edición deste galardón. Samuel Merino foi o vencedor desta xeira polo seu poemario Manual de camuflaxe. O premio, que organiza o Concello de Fornelos de Montes, conta dunha dotación de 2.500 euros.

O fallo destaca deste traballo "a forza incontible das imaxes, a intención de citas e alusións intertextualizadas e o elaborado dunha estética que proxecta unha arañeira de sentido tecida no diálogo cos mellores filósofos e os máis rupturistas escritores do Occidentes do noso tempo".

Canda a isto, apunta a gran "plasticidade escénica e abraiante capacidade evocadora" da obra, así como a "elaborada arquitectura" dun texto "que se proxecta nunha estrutura circular onde a enunciación metapoética comeza e remata o conxunto nunha esfericidade de impecable execución".

O xurado desta edición estivo composto por Luís Cochón, Mercedes Queixas, Charo Lopes, Oriana Méndez, Armando Requeixo e, como secretaria con voz e sen voto, Carmen Carreiro.