A Deputación de Pontevedra licita a musealización virtual da Rapa das Bestas

O proxecto inclúe propostas de realidade virtual, realidade aumentada e sinalización de rutas entre outros contidos

15/1/2025 | Santiago. Redacción | Seccións: patrimoniomedio
45 lecturas | Compartido 0 veces

Deseño dun panel para as rutas da Rapa das Bestas. Fonte: Deputación de Pontevedra

Ata o vindeiro 23 de xaneiro está aberto o prazo para que as empresas opten a se facer co contrato para a implantación e mantemento dunha plataforma museográfica virtual para a posta en valor da Rapa das Bestas de Sabucedo. A Deputación de Pontevedra dedica un investimento de 201.644,79 euros a este proxecto que pretende amosar a historia e o contorno deste tradicional curro.
O proxecto contempla a creación dunha plataforma de realidade virtual que amosará a historia e a contorna da Rapa das Bestas accesible a distancia, así como unha aplicación para móbil e a renovación do web dedicada a este Ben de Interese Cultural. Dentro do proxecto tamén se desenvolverán contidos audiovisuais, a incluír fotografías, vídeos en 360 grados e propostas de realidade aumentada.

Para alén dos ámbitos dixitais, a adxudicación inclúe tamén a instalación de nova sinaléctica en dous itinerarios da contorna do curro. Os novos sinais estarán dotados de códigos QR a ligar os contidos dispoñibles na nova plataforma museográfica. Entre estes, inclúese unha reconstrución virtual da Casa das Vellas que se poderá superpor aos restos actualmente existentes da edificación.

Ademais de explicar todo o proceso do curro, as súas orixes e a importancia do cabalo galego a nivel ecosistémico, a renovación do espazo web dedicado á Rapa incluirá documentos didácticos para diferentes idades a atender aos valores ecolóxicos, culturais e sustentables desta tradición gandeira.

Universo culturagalega.gal

Universo

Explora o Universo

Pincha para ampliar esta historia
no seu contexto cultural galego

Escenarios
1 lugar identificados
Claves temáticas
Lugares