O WOS Festival volverá o vindeiro setembro

Desde a organización confirman unha nova edición en Santiago

Desde a organización confirman unha nova edición en Santiago
WOS FESTIVAL
Tras da cancelación anunciada en xullo da edición de 2024 e con todas as dúbidas sobre a súa continuidade, desde a organización do WOS Festival veñen de aproveitar a felicitación do aninovo para avanzar unha boa nova. Segundo eles o vindeiro setembro haberá unha nova edición do festival e será en Santiago de Compostela, como ata agora sempre foi nas sete edicións celebradas. As datas definitivas aínda non son públicas pero desde a promotora Work On Sunday asegurán que será en breve cando dean a coñecer máis detalles. O pasado ano a anulación presentouse como "unha pausa", e xa sinalaban ao 2025 como obxectivo dunha reaparición que ademais trouxese unha evolución do festival tras un proceso de "repensar WOS en todas as súas dimensións".

Nese momento sinaláronse tamén problemas derivados dos custes á alza e dos prazos a manexar para a planificación, moitas veces condicionados polas tardanzas nas decisións de apoio das institucións colaboradoras. A volta deste evento dedicado ás música máis alternativas e experimentais é unha boa nova toda vez que durante estes anos recibiu algúns recoñecementos a nivel internacional, así nos Iberian festival Awards de 2023 o WOS Festival x SON Estrella Galicia, recollía o premio a mellor festival español levado a cabo en recinto pechado no ano 2022 e antes que iso, en 2018 e nos mesmos galardóns recibía o premio á Mellor Promoción Turística pola súa edición dese ano, que tamén levou o premio a mellor Festival Indoor de Europa nos European Festival Awards.