O Play-Doc tamén pasa ao programa do outono cultural a súa sexta edición

O Festival de curtas de Verín amplía prazo de admisión ata o 15 de xuño

O festival de cine documental Play-Doc de Tui ven de facer públicas as súas novas datas de celebración este mesmo ano tras a cancelación debida ao Estado de Alarma o pasado 29 de abril. Tras un intenso traballo e “innumerables reunións” será entre o 23 e o 27 de setembro cando terá lugar a décima sexta edición deste evento audiovisual. Desde a organización lembran, nunha comunicación feita a través de redes sociais, que as circunstancias obrigarán a pensar "nun modelo de festival distinto que se adapte ás medidas e protocolos de seguridade de maneira rigorosa", pero que aseguran que se vai celebrar "co mesmo espírito e a mesma ilusión de sempre, e se cabe con máis amor". Pouco antes do Play-Doc e tamén contra o sur do país, levarase a cabo unha edición igualmente “trasladada” en datas de outro festival audiovisual o Festival Internacional de Curtametraxes de Verín, FIC Vía XIV, que terá lugar entre o 5 e o 13 de setembro, neste caso a quinta cita co cine en formato curto adiántase, xa que nas anteriores edicións era no mes de decembro cando se celebraba. Esta decisión de cambio foi anterior ao Estado de Alarma e a crise sanitaria, que no caso do FIC Vía XIV, só tivo como incidencia o feito de que ampliasen o seu prazo d recepción de curtametraxes ata o vindeiro 15 de xuño.