Vigo celebra o activismo cultural de Alfonso Zulueta

A Casa Galega da Cultura acolle unha homenaxe hoxe mércores ás 19 horas

A Casa Galega da Cultura acollerá hoxe mércores 18 de decembro ás 19 horas unha homenaxe a Alfonso Zulueta de Haz promovida pola Fundación Penzol. A homenaxe inclúe tamén a presentación do libro Alfonso Zulueta. Unha humanidade vivida, coeditado pola Editorial Galaxia, a Editorial SEPT e a Fundación Penzol. O acto valerá para homenaxear a unha figura importante do activismo cultural galego durante o franquismo e na Galicia autonómica, vinculado a entidades de recuperación da democracia, de galeguización da Igrexa e de defensa da cultura do país, ademais de promotor de fundacións de apoio ás discapacidades. No acto intervirán persoeiros vinculados biografica e corporativamente a Alfonso Zulueta, como Manuel Puga, presidente do Padroado da Fundación Penzol, Silvestre Gómez Xurxo, presidente de SEPT, Rosario Álvarez Blanco, presidenta do Consello da Cultura Galega, e Antón Vidal Andión, presidente do Consello de Administración de Editorial Galaxia.