O Goberno Galego comprométese co Museo da Romanización de Lugo

A Consellería de Cultura achegará medio millón de euros a esta iniciativa

A Consellería de Cultura achegará medio millón de euros a esta iniciativa
Cuartel de San Fernando. Fonte: Turismo de Galicia
O longamente reclamado Museo da Romanización de Lugo dá o seus primeiros pasos. A Consellería de Cultura prevé investir neste proxecto medio millón de euros dos orzamentos para 2025. Así o anunciou este 9 de decembro o Goberno galego na Comisión de Orzamentos do Parlamento de Galicia.

O compromiso desta achega efectúase despois dunha emenda na que o Grupo Parlamentario Socialista reclamaba a inclusión dunha partida de dous millóns de euros para iniciar os traballos para o novo centro. Esta será a primeira partida económica concreta para a iniciativa, que se deberá completar con orzamentos proporcionados por outras administracións.

A intención do Concello, anunciada desde hai anos, é transformar o antigo cuartel de San Fernando, na capital lucense, nun museo que custodie os múltiples restos da época romana conservados na cidade. Segundo os cálculos municipais, cómpre un investimento de doce millóns de euros para completar a proposta, que aínda carece de proxectos de rehabilitación e de musealización específicos.