Xurxo Martínez obtén o IV Premio Baltar Feijóo

O galardón da Fundación Rosalía recoñeceu a súa investigación sobre Antolín Faraldo

9/12/2024 | Santiago. Redacción | Seccións: Historia
Compartir:

Xurxo Martínez. Fonte: Fundación Rosalía

O volume Querida Liberdade. Vida e obra dun precursor do Rexurdimento: Antolín Faraldo, que publicou en 2022 coa editorial Alvarellos, valeulle ao investigador Xurxo Martínez facerse coa cuarta edición do Premio Baltar Feijóo. Este galardón honorífico bianual que outorga a Fundación Rosalía recoñece traballos de investigación sobre o período histórico de vai do Rexurdimento á Xeración Nós, que é precisamente o que trata o fondo documental Ramón Baltar Feijóo, que foi depositado pola súa familia na entidade.

O fallo destaca da obra o abordar "por vez primeira dun xeito integral, a vida e a obra de quen Manuel Murguía definiu como 'el primero y el mejor': Antolín Faraldo". Destaca do volume o contar cun amplo estudo introdutorio "que nos mergulla de maneira trepidante nunha época tan apaixonada: con ritmo, estruturado en breves epígrafes e cunha clara vontade didáctica e divulgativa" que se complementa cunha antoloxía de 45 artigos do propio Faraldo.

O xurado estivo formado por Xosé Luís Axeitos, membro da Real Academia Galega; Francisco Prado Vilar, historiador; Ernesto Baltar, membro da familia Baltar Feijóo; Lydia Fontoira, profesora da USC e secretaria do premio; ademais de Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía. O galardón entregarase este mes de decembro nun acto a celebrar no auditorio da Casa-Museo de Rosalía.

Que che parece esta nova?
55 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Rexurdimento, Xeración Nós, Documental, Manuel Murguía...