Aurora Marco faise co III Premio de Investigación Baltar Feijóo

O xurado recoñeceu o seu traballo Irmandiñas sobre a presenza da muller no movemento das Irmandades da Fala

20/12/2022 | Santiago. Redacción | Seccións: historialiteratura
43 lecturas | Compartido 0 veces

Aurora Marco. Fonte: Fundación Rosalía.

A terceira xeira do Premio de Investigación Baltar Feijóo, que outorga bianualmente a Fundación Rosalía, foi para o ensaio Irmandiñas, de Aurora Marco e publicado por Laiovento. O galardón recoñece esta obra como a máis destacada deste período e relativas ao período histórico que protagoniza o fondo documental da familia Baltar García-Peñuela, depositado no Arquivo da Casa de Rosalía.
O fallo do galardón sinala da obra que "ilumina unha parte fundamental da cultura galega contemporánea desenvolta no período das Irmandades: a protagonizada por mulleres. Contén un grande esforzo investigador que inclúe documentación escrita e gráfica e vén agrandar toda unha traxectoria guiada polo obxectivo de restaurar para a muller o papel que lle corresponde na sociedade".

Segundo destaca a fundación, Irmandiñas "consegue, a través dunha pescuda perseverante en hemerotecas, arquivos e fontes orais, confirmar documentalmente que na acción social, cultural e política tamén estaban elas. Estaban no activismo inicial tras o nacemento das Irmandades, nos coros e agrupacións teatrais, na actividade intelectual do Seminario de Estudos Galegos, no desenvolvemento editorial galego, na actividade política, no espallamento do ideal galeguista e republicano, na defensa da lingua, na escrita…".

Xosé Luís Axeitos, Francisco Prado Vilar, Lydia Fontoira, Ernesto Baltar e Anxo Angueira foron os responsables da selección. O galardón, que non posúe dotación económica, entregarase o vindeiro 29 de decembro na Casa-Museo de Rosalía, en Padrón.

Universo culturagalega.gal

05/03/2019

Quiosco: Follas Novas 3

A Revista de Estudos Rosalianos achega novas análises sobre a obra da autora e o seu contexto histórico