A Familia Baltar asinaba onte un acordo coa Fundación Rosalía de Castro polo que esta entidade pasará a custodiar o fondo documental de Ramón Baltar Feijoo e Ernesto Baltar Santaló. Este importante legado, que ata o momento estaba en Madrid, voltará así ao noso país. O material comprende 445 elementos, entre os que se inclúen cartas de persoeiros como Rosalía, Castelao,Rafael Dieste, Ramón Rey Baltar, Emilia Pardo Bazán, Alfredo Brañas ou Manuel Murguía entre outros, datadas entre 1883 e os anos vinte do século pasado. A Fundación creará un espazo propio para este fondo na Casa-Museo de Rosalía e dixitalizará e difundirá este material. No acordo tamén se prevé crear un premio de ensaio co nome de Ramón Baltar Feijóo.