A saga familiar Baltar é a base da exposición 'Deber de Baltar. Medicina e compromiso' que se expón este días no Colexio Fonseca de Santiago de Compostela. A historia peculiar desta familia, que tamén foi recollida polo escritor Suso de Toro no libro 'Un señor elegante' (Eds. Xerais), é tamén parte da historia cultural de Galicia desde o século XIX e a través do século XX. Forma parte da historia da cirurxía e da asistencia social e da promoción e protección da nosa cultura. A familia Baltar, unha saga comprometida co destino e os problemas sociais do seu país e o seu tempo que ten como cabeza ao médico-cirurxián con orixe en Padrón, Ángel Baltar, ten unha historia de relación e protección activa sobre algunhas das figuras máis senlleiras da cultura galega como Rosalía de Castro e Murguía e logo a familia Castelao ou Dieste. Alén da vida en Padrón e a orixe da saga, a exposición visita a biblioteca familiar, o Sanatorio que recibiu o nome da familia, o seu labor no Hospital Real, o exilio de Antonio Baltar, o paraíso que a familia construíu en Tanxil e o compromiso cultural e político dos seus integrantes. Inclúe a proxección dunha curtametraxe de Juan Meseguer que tamén s epode ver nas redes. O salón do artesoado e a capela atesouran esta mostra comisariada por Pepe Barro que estará exposta ao público ata o 16 de abril.