Nace Bibopalula, a primeira serie musical de animación galega

A produción de Undodez pode verse online no web Xabarin.gal

Imaxe de presentación de <i>Bibopalula</i>
Imaxe de presentación de Bibopalula
A última xornada da Culturgal acolleu este 1 de decembro a presentación de Bibopalula, primeira serie musical de animación feita en Galicia. A produción de Undodez, que xa se pode seguir no web Xabarin.gal, espazo infantil na rede da CRTVG, está composta por 20 capítulos de arredor de cinco minutos de duración.

O proxecto, desenvolvido por Andrés e Laura Mahía como guionista e directora, está dirixido a público de ata catro anos. No eixe da serie están as historias de catro paxaros que teñen un grupo musical "e nas que a natureza -e os seus ciclos- ocupa sempre un lugar principal".

A pega Pegui, o merlo Merli, o paporrubio Robin e o peto Carpin protagonizan esta proposta que inclúe seccións de karaoke para que o público participe das cancións. Segundo a produtora, "a serie busca achegar a vida natural próxima a nós ás nenas e nenos que se achegan por vez primeira ao audiovisual".