Culturgal fecha a súa XVII edición con 12.700 visitantes

A Feira das Culturas Galegas continúa o crecemento dos últimos anos

A Feira das Culturas Galegas continúa o crecemento dos últimos anos
Actividade musical no Culturgal 2024. Fonte: Culturgal
A XVII edición da Culturgal fechaba este 1 de decembro as súas portas no Pazo da Cultura de Pontevedra. A Feira das Culturas Galegas reuniu ao longo dos seus tres días de actividades un total de 12.700 visitantes. A cifra supón un incremento destacado sobre os 10.000 que recibira en 2023.

O director do proxecto, Camilo Franco, cualificou como "moi positiva" a resposta do público ás máis de duascentas actividades programadas no marco da feira, que nesta xeira pretendía "poñer en contacto as diferentes culturas de Galicia e ampliar os horizontes, ó tempo que se atraía a novos públicos".

A asistencia marca un importante fito para o evento, que en 2022 só contara con 7.000 visitas. Deste xeito, a feira continúa unha recuperación que a aproxima ás cifras previas á pandemia de Covid-19, onde cada edición contaba cunhas 14.000 persoas.