Diego Giráldez gaña o Premio Blanco-Amor de novela

Con 'As obras póstumas' o escritor porriñés conta unha historia sobre saúde mental

Diago Giráldez nun fotograma do seu documental 'De letras e galegas' (2021)
Diago Giráldez nun fotograma do seu documental 'De letras e galegas' (2021)
O escritor Diego Giráldez García (O Porriño, 1976) é o gañador do XLIII Premio de Novela Eduardo Blanco-Amor polo seu traballo "As obras póstumas". Así o acordou o xurado do certame, que escolleu a obra gañadora por maioría de entre un total de 49 orixinais presentados a esta edición, máis do dobre das obras recibidas na pasada edición (21). Organizado pola Fundación Eduardo Blanco-Amor coa colaboración da Deputación de Ourense, o premio está dotado con 15.000 euros e unha peza artística do escultor Acisclo Manzano, ademais inclúe a publicación da obra por unha editorial escollida polo gañador. No seu fallo, o xurado destaca o estilo "directo, rico e cargado de simbolismo" que caracteriza a obra premiada, na que se aborda a historia dunha escritora que ante a diagnose de demencia reflexiona sobre a vida e sobre o seu traballo. A prosa elaborada de Giráldez, engade o xurado, crea unha "atmosfera estremecedora sobre o tempo e a memoria" e amosa a realidade crúa sobre o tratamento da enfermidade psiquiátrica do pasado "sen caer en estereotipos".

Diego Giráldez García é licenciado en Historia da Arte, xornalista, escritor e comunicador. Conta con experiencia en distintos medios escritos e dixitais e fundou as revistas Kalaikia, Malladoura e CanZine. Como autor, publicou o seu primeiro traballo literario en 2016, titulado "Galería de saldos". Trala súa primeira incursión na narrativa cun libro de relatos curtos, foi elixido como "Autor galego do ano" pola revista Fervenzas Literarias. En 2019, chegou ás librarías a súa primeira novela, "Hotel para coleccionistas discretos". Posteriormente, colaborou noutras obras conxuntas ata que en 2022 viu a luz a súa segunda novela, "O meu sangue". O autor conta co premio literario "Manuel Murguía" e con accésits en outros galardóns. Ademais, en 2020 e 2022 quedou finalista do Premio de Xornalismo "Francisco Fernández del Riego".