Catro dos proxectos galardoados nos Premios Gran de Area 2024. Fonte: COAG
O Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG) deu a coñecer este 25 de novembro o fallo da nova edición dos Premios Gran de Area de aportación a Arquitectura. Estes galardóns, que outorgan as delegacións da entidade nas provincias de Pontevedra e de Ourense, recoñeceron un total de 12 proxectos construtivos nestes territorios de entre os 75 presentados.
O xurado do galardón destacou como "excepcional" a calidade das obras presentadas ademais da alta participación que tivo esta xeira do certame. Nos proxectos galardoados atópanse tres rehabilitacións de vivendas tradicionais a incorporar elementos contemporáneos, dúas vivendas unifamiliares de obra nova e dous acondicionamentos de baixos, un para vivenda e outro para uso comercial. A estas propostas súmanse no palmarés un stand, un centro de recepción, un edificio de vivenda colectiva, un deseño de cabanas turísticas e o acondicionamento nun espazo público.
Os premios non contan con dotación económica e supoñen "un recoñecemento a arquitectos e promotores, ademais doutros axentes participantes no proceso edificatorio, pola súa labor, necesariamente conxunta, para obter unha obra arquitectónica de calidade".
Galería: Premios Gran de Area 2024
















