O Centro de Interpretación dos Muíños Industriais de Xuvia abre as súas portas

O novo espazo explicará a historia deste conxunto do século XVIII situado en Narón

O novo espazo explicará a historia deste conxunto do século XVIII situado en Narón
Muíños de Xuvia. Fonte: Cimix
O Concello de Narón inaugura ás 19 horas deste 21 de novembro o Centro de Interpretación dos Muíños Industriais de Xuvia (Cimix). A instalación, que ocupa o espazo destas edificacións do século XVIII, explicará a historia desta instalación industrial e o proceso da moenda. Unha xornada de portas abertas o venres 22 facilitará que toda a cidadanía coñeza este proxecto.

A empresa Trivium será a encargada de xestionar este espazo, que acollerá visitas guiadas, obradoiros sobre o traballo de facer fariña e mais excursións escolares, ademais de diferentes contidos didácticos. O espazo abrirá xoves e venres de mañá e durante as fins de semana en horario de mañá e de tarde. Ademais, durante Semana Santa e meses de verán ampliarase o horario ás tardes dos días laborables.

O Centro de Interpretación incorpora os dous muíños orixinais, os maiores de Galicia no seu momento, cunha capacidad de moer case catro millóns de litros de fariña de trigo por ano. Os edificios foron construídos polos franceses Juan Lestache e Francisco Bucau en 1775, facéndose con posterioridade o primeiro con todo o conxunto.

Canda a estes, dotados con cadansúas moas, o Centro de Interpretación conta tamén coa antiga casa de Lestache e cun almacén que mesmo contaba cun embarcadoiro propio para recibir o gran desde o porto de Ferrol. O conxunto recibiu un investimento de 1,21 millóns de euros para a súa rehabilitación, nunhas obras que comezaron en 2021.