Fran Fernández Dávila gaña o premio de poesía Torre de Caldaloba

O segundo premio do certame de Cospeito foi para Amauta Castro

O segundo premio do certame de Cospeito foi para Amauta Castro
Francisco Fernández Davila Foto: ©Soledad Garcia Riveiro
Coa obra 'Albatros', o escritor e enxeñeiro de profesión Fran Fernández Dávila (Canido, 1974) ven de obter o apoio da maioría do xurado da VIIª edición do Certame de Poesía Torre de Caladaloba que convocan o Concello de Cospeito e a Asociación Recreativa e Cultural de San Martiño de Pino, coa colaboración de Culturalia GZ e a Xunta de Galicia. A convocatoria inclúe a concesión dun segundo premio, que foi para a obra 'A vasteza do nó' obra de Rafael Xoán Muñoz, que asina como Amauta Castro. O xurado estivo integrado por Adolfina Mesa, Ánxela Gracián, Armando Requeixo, Cecilia F. Santomé e Xosé Otero Canto.

Segundo o fallo do xurado, a obra gañadora, 'Albatros' "amosa unha voz poética fresca cuns versos que retumban, que achegan a poesía a outras dimensións", e ven neste texto "un poemario de vangarda, talvez unha bomba poética cuxos elementos van irradiar a outros eidos literarios ou non". Segundo as bases, ademais de ver a súa obra publicada o gañador recibirá un premio de 1.500 euros. Fran Fernández Dávila acumula varios galardóns literarios tanto no eido da poesía como da narrativa. No caso do segundo premio, que inclúe a publicación da obra, o xurado destaca de 'A vasteza do nó' "a composición de estrofas breves que poden lembrar á vertente poética grecolatina". Tamén destaca "a creación de sinestesias de alto rendemento poético. A composición dun escenario do desexo, coa descuberta do corpo a través dunha linguaxe de gran acerto literario". A entrega de premios celebrarase o vindeiro sábado 23 de novembro no local social de Pino.