A catedrática María Loureiro leva o Premio Wonenburger

A científica lucense ve recoñecido así o seu labor na investigación sobre a enerxía, a economía ambiental e agrícola

13/11/2024 | Santiago. Redacción | Seccións: SociedadeCiencia
38 lecturas | Compartido 0 veces

Pleno da Unidade da Muller e da Ciencia Foto: Xunta de Galicia

O pleno da Unidade da Muller e da Ciencia da Xunta de Galicia decidiu outorgar, por unanimidade, o Premio María Josefa Wonenburger Planells á catedrática de Fundamentos de Análise Económico da Universidade de Santiago de Compostela, María Loureiro. Este galardón pretende recoñecer o seu labor na investigación sobre a enerxía, a economía ambiental e agrícola. María Loureiro (A Pontenova, Lugo, 1972) é licenciada en Economía pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) e doutora pola Washington State University. Dende o ano 2010 é Catedrática de Fundamentos da Economía na USC. Ademais, foi profesora titular na Colorado State University e na Carlos III de Madrid. Este galardón busca recoñecer o seu labor no eido da investigación no que conta con traballos, entre outros, sobre a avaliación económica dos danos ambientais do Prestige e que foi utilizado pola propia Fiscalía no proceso de reclamación de danos. Ademais, nestes momentos, traballa nun proxecto sobre a Economía do cambio climático: vulnerabilidade e políticas de adaptación e mitigación en España. A Unidade da Muller e Ciencia da Xunta sinala que o seu traballo a convirte nunha das científicas máis influentes do mundo.

Universo culturagalega.gal

Universo

Explora o Universo

Pincha para ampliar esta historia
no seu contexto cultural galego

Escenarios
3 lugares identificados