Os I Premios Próximos recoñecen 9 proxectos arquitectónicos da Coruña

A Delegación de Santiago do Colexio de Arquitectos convoca estes galardóns

A Delegación de Santiago do Colexio de Arquitectos convoca estes galardóns
O web do Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG) recolle desde este 6 de novembro a listaxe de nove proxectos que obtiveron un dos novos Premios Próximo. A Delegación de Santiago do COAG convocou estes galardóns cos que quere recoñecer "arquitectos e promotores, ademais doutros axentes participantes no proceso edificatorio, pola súa labor, necesariamente conxunta, para obter unha obra arquitectónica de calidade" dentro do ámbito de actuación desta delegación, que comprende os Concellos de Ames, Arzúa, A Baña, Boimorto, Boiro, Boqueixón, Brión, Carnota, Dodro, Frades, Lousame, Melide, Muros, Negreira, Noia, Oroso, Outes, Padrón, O Pino, Pobra do Caramiñal, Porto do son, Rianxo, Ribeira, Rois, Santiago, Santiso, Teo, Toques, Touro, Trazo, Val do Dubra e Vedra.

Nesta primeira xeira, o xurado seleccionou a Vivenda Unifamiliar realizada por Óscar Andrés Quintela e Iván Andrés Quintela, do estudio Arrokabe no lugar de Panchés, en Carnota. Os dous arquitectos tamén se fixeron cun galardón pola súa Rehabilitación de Vivenda Unifamiliar polo seu proxecto no Lugar Guitiande, en Brión.

Tamén obtiveron dous galardóns Álvaro Marín Durán e Alfonso Castro Lorenzo, de Dosesmas arquitectos, pola súa Vivenda Unifamiliar Surf House de Fieiro (Porto do Son) e mais pola Casa 2M que deseñaron na compostelá Rúa do medio.

O seu labor nos campos de fútbol de Santa Isabel (Santiago de Compostela) e Toques valeulle ao equipo conformado por Enrique Manuel Blanco Lorenzo e Patricia Sabín Díaz dous dos premios, mentres María Cristina Nieto Peñamaría e José Luis Gil Pita obtiveron un recoñecemento pola súa Readecuación da Capela do Pilar da Catedral de Santiago para a implantación de novo mobiliario para usos penitenciais.

Alberto Redondo Porto, José Martin Valladares Duran e Marcial Rodríguez Rodríguez viron recoñecido o seu proxecto de vivendas pareadas no lugar da Muíña (Santiago de Compostela) e o Centro de Servizos da Ramallosa (Teo) outorgoulles un premio a Juan Antonio Varela García, María Del Carmen Escorihuela Vitales, Miguel Alonso Flamarique e Roberto Erviti Machain de MRM Alonso Erviti Escorihuela Arquitectos Asociados.

Ángel Panero, arquitecto coordinador da Oficina Técnica do Consorcio de Santiago de Compostela, María González, socia fundadora do estudo de arquitectura SOL89 e Alfredo Freixedo arquitecto socio de Oikos Estudio SLP foron as persoas responsables de seleccionar as propostas gañadoras entre os 42 traballos presentados a concurso. Os premios non teñen dotación económica e consisten dun diploma de recoñecemento.

Galería: I Premios Próximo

Vivenda en Panchés
Vivenda en Panchés

Rehabilitación de vivenda en Guitiande
Rehabilitación de vivenda en Guitiande

Surf House no Porto do Son
Surf House no Porto do Son

Casa 2M en Santiago de Compostela
Casa 2M en Santiago de Compostela

Campo de Fútbol de Santa Isabel
Campo de Fútbol de Santa Isabel

Campo de Fútbol de Toques
Campo de Fútbol de Toques

Capela do Pilar da Catedral de Santiago
Capela do Pilar da Catedral de Santiago

Casas pareadas en Santiago de Compostela
Casas pareadas en Santiago de Compostela

Centro de Servizos na Ramallosa
Centro de Servizos na Ramallosa