Tamara Andrés dirixirá a colección de poesía de Galaxia

A poeta e tradutora estará á fronte de Dombate o vindeiro ano

Tamara Andrés               Foto: Fundación Plácido Castro
Tamara Andrés Foto: Fundación Plácido Castro
A partir de 2025, ano do 75 aniversario de Editorial Galaxia, a colección de poesía Dombate da Editorial Galaxia estará ao coidado de Tamara Andrés (Combarro, 1992). Desde a editorial viguesa agardan que este nomeamento dea un novo pulo á colección de poesía que inaugurou Xohana Torres en 1980 con 'Estacións ao mar'. Tamara Andrés é poeta, tradutora literaria e investigadora. Formouse en Tradución e Interpretación, Lingua e Literatura españolas e Literatura Comparada. Integra o grupo de investigación Biblioteca da Tradución Galega (BITRAGA) e formou parte do proxecto Legados Literarios do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades. Encargouse da sección de literatura do Diario Cultural Zeta da Radio Galega e traballou como guionista, produtora e locutora audiovisual. Polo seu traballo como tradutora recibiu o Premio 2024 de Tradución da Universidade de Vigo e o XXII Premio de Tradución Plácido Castro. Como poeta, deu ao prelo os poemarios 'Corpo de Antiochia' (Editorial Galaxia, 2017), 'Bosque vermello' (Eds. Positivas,2019), Irmá paxaro (Cuarto de Inverno, 2019, con ilustracións de María Montes) e o máis recente Para non concretarme (Eds. Positivas, 2024). Xunto a Marcos Viso, creou o proxecto artístico Cartas ás 12, que deu como froito o álbum poético 'Distancias' (Editorial Galaxia, 2020).