Tamara Andrés e Oriana Méndez fanse co XXII Premio Plácido Castro de Tradución

O seu traballo con As iluminacións de Rimbaud reportoulles 3.000 euros de premio

O seu traballo con <i>As iluminacións</i> de Rimbaud reportoulles 3.000 euros de premio
Tamara Andrés e Oriana Méndez coa obra galardoada. Fonte: Fundación Plácido Castro
A Fundación Plácido Castro deu a coñecer no comezo deste mes de setembro o fallo da vixésima segunda edición do seu premio de tradución. Tamara Andrés e Oriana Méndez foron as galardoadas nesta xeira pola versión en galego do poemario As iluminacións, de Arthur Rimbaud, que publicou a editorial Kalandraka na súa colección Tambo.

As dúas gañadoras recibirán un premio en metálico de 3.000 euros ademais dun Babelio peza escultórica realizada por Xaquín Chaves para o concurso. Esta é a primeira ocasión en que o galardón vai a unha tradución do francés para o galego.

O fallo do xurado sinala "a especial dificultade da tradución que ofrece unha nova achega a un autor fundamental da literatura universal", e destaca que o traballo gañador "mantén a capacidade de evocación das imaxes e textos orixinais así como a sonoridade" ademais de achegar "unha versión creativa particular que enriquece vivamente a compresión lectora".

O xurado desta edición do premio estivo composto por Xesús Riveiro Costa, Patricia Buxán, Andrea F. Maneiro, Xosé María Gómez Clemente e Xulio Ríos, con Jacobo Domínguez Pedreira, como secretario con voz pero sen voto.