A AELG recoñece a Camiño Noia e Quique Peón como mestra e mestre da memoria

A Sección de Literatura Oral da entidade dedícalle ás cantareiras a súa xornada anual este 19 de outubro

A catedrática de Literatura Galega na Universidade de Vigo Camiño Noia Campos e mais o folclorista, coreógrafo e investigador Henrique Peón Mosteiro (Quique Peón) acaban de ser recoñecidos cos premios Mestre e Mestra da Memoria pola Sección de Literatura de Tradición Oral da Asociación de Escritoras/es en Lingua Galega (AELG).

O premios recoñecen "as súas achegas ao longo das súas vidas, contribuíndo así a manter viva unha parte fundamental da nosa memoria colectiva e o saber popular". Deste xeito, Camiño Noia botou "anos dedicada á clasificación do conto galego de tradición oral", un traballo sobre o cal ten publicado diferentes obras, como o Catálogo tipolóxico do conto galego ou Contos galegos de tradición oral.

Peón, pola súa banda, desenvolveu "un extenso labor de recollida de campo, restaurando e recuperando centos de bailes, danzas, músicas, traxes, costumes e tradicións, gañando innumerables premios a nivel estatal e internacional dirixindo o Grupo de Música e Baile Tradicional Xacarandaina da Coruña". Ademais, tamén traballa na compañía profesional Quique Peón Cía e nos grupos Radio Cos e Os do fondo da barra.

Ana Acuña, Félix Castro Vicente, Carme Pernas Bermúdez, Calros Solla, Xurxo Souto, Xosé Manuel Varela, Lois Pérez e Antonio Reigosa, conoformaron o grupo que seleccionou os galardoados este ano. As distincións entregaranse no marco da IX Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria, a celebrar en Lugo, co apoio do Concello de Lugo, que terá lugar o 18 de outubro, no Centro Cultural Vello Cárcere de Lugo.

No día seguinte, a Sección de Literatura Oral da AELG celebra, no Salón de Actos da Deputación de Lugo, a XVII Xornada de Literatura de Tradición Oral. Co lema Daquelas que cantan, a sesión está dedicada ás cantareiras e ás mulleres que actuaron como transmisoras da tradición galega. Olga Novo, Beatriz Busto, Ugia Pedreira, e Xiana Lastra abordan neste encontro diferentes perspectivas sobre o tema. Pola súa banda, Su Garrido realizará unha sesión práctica encol da cuestión.