A coincidir co Día Mundial da Saúde Mental, este vindeiro xoves, 10 de outubro, a compañía De Ste Xeito Producións presentará a súa nova montaxe "Neura, unha comedia neurótico-festiva". O Teatro Jofre de Ferrol acollerá o espectáculo que, con dramaturxia e dirección de Manuel Pombal aborda en ton de comedia o tema da saúde mental "con minúsculas". Os dous protagonistas, Sonia e Edu, encarnados nos actores Stephy Llaryora e Sergio Macías, conviven con teimas propias e alleas. Tentan agochar algunhas, exhiben outras orgullosos, en ocasións búscanlles tratamento, pero sempre sofren por elas. As personaxes, que no pasado mantiveron unha relación, volven atoparse polos azares da vida, en distintas circunstancias. Obrigados unha vez máis a poñer a proba a compatibilidade das súas neuras. Con todo, a evolución de cada un por separado, durante estes anos, a través de diferentes terapias e pseudo-terapias fai que se reencontren cunha versión actualizada da persoa á que coñeceron. A xira da compañía pasará nos vindeiros tres meses polos auditorios e teatros de Santa Comba, Curtis, Cangas, Malpica, Sala Ártika de Vigo, As Pontes, A Pobra do Caramiñal, Laracha, A Coruña, Mondariz Balneario e Cerdedo de Cotobade.