A arte cinematográfica contemporánea toma o CGAC

Inaugúrase hoxe a mostra 'Novos Imaxinarios' que reúne este sábado a realizadores como Oliver Laxe ou Isaki Lacuesta

Inaugúrase hoxe a mostra 'Novos Imaxinarios' que reúne este sábado a realizadores como Oliver Laxe ou Isaki Lacuesta
Oliver Laxe: Caída na noite, 2024 (fotograma)
O Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) reunirá a preto dunha decena de profesionais do audiovisual de España e Portugal co gallo da inauguración hoxe de 'Novos Imaxinarios', a nova mostra do museo santiagués comisariada polos artistas Nicolás Combarro e Miguel Ángel Delgado, na que se afonda na creación cinematográfica máis recente. As salas do museo da capital galega acollerán unha reflexión sobre o cinema máis alá da pantalla, onde conflúen as prácticas cinematográficas e os espazos artísticos a partir da selección da obra de recoñecidos artistas do cinema contemporáneo. A carón desta exposición tamén haberá unha serie de actividades paralelas como proxeccións, xornadas de investigación, conferencias ou mesas redondas. Esta exposición estará nas salas do CAGC ata o vindeiro 12 de xaneiro.

Como parte da programación da exposición, o CGAC acollerá desde as 10,30 horas do sábado, un acto de conversas no que, moderados por Pela del Álamo, Alberte Pagán e os propios comisarios da mostra, participan os artistas Isaki Lacuesta, que representará a España na carreira polos Oscar co seu filme 'Segundo Premio', ou Oliver Laxe, multipremiado director pola longametraxe 'O que arde' no Festival de Cannes e no Festival Internacional Mar del Plata en 2019 e, no ano 2020, cos premios Goya e Feroz. A estas charlas tamén asistirá o realizador Lois Patiño, que conta co premio Mestre Mateo ó mellor documental por 'Costa da Morte' e foi recoñecido no Festival Internacional de Cinema de Berlín con filme Samsara e tomarán a palabra as portuguesas, Salomé Lamas e Susana de Sousa Dias, e os produtores recoñecidos polo seu traballo conxunto en certames como Venecia, San Sebastián, Rotterdam, ou Toulusse pola obra 'Eles transportan a morte', Helena Girón e Samuel Delgado.

A mostra acolle propostas, inéditas ou presentadas por primeira vez en Galicia, de Oliver Laxe, Susana de Sousa Dias, Albert Serra, Helena Girón e Samuel M. Delgado, Lois Patiño, Salomé Lamas, Isaki Lacuesta e Laida Lertxundi. No seu formato expositivo, cada cineasta articula novas obras que debuxan parábolas cinematográficas con propostas instalativas que ocupan dúas plantas do museo; novas linguaxes que nos achegan realidades desde unha perspectiva contemporánea á vez que nos mostran as posibilidades narrativas e físicas —desde o punto de vista dos creadores e as creadoras, pero tamén desde a experiencia do público— dun medio en constante reinvención.