O XXI Curtocircuíto achega o mar a Santiago

O festival ofrecerá 41 películas e varios espectáculos tomando como eixo conceptos relacionados coas profundidades oceánicas

Cartel obra de Iñaki López
Cartel obra de Iñaki López
O vindeiro 1 de outubro terá lugar a inauguración da vixésima primeira edición do Festival Internacional de Cine CURTOCIRCUÍTO de Santiago de Compostela. Ata o día 6 a capital galega acollerá unha programación audiovisual con 41 películas de pequeno formato procedentes de 18 países ademais de espectáculos audiovisuais e dunha programación interdisciplinaria de sesións especiais divulgativas con proxeccións e encontros entre destacadas profesionais e artistas que se aproximan, desde diferentes perspectivas, á temática editorial que atravesa este ano o festival: o mar e as profundidades oceánicas. Unha viaxe inmersiva que irá desde o cine, a arte sonora ou as artes visuais ata a ciencia e o pensamento. Diferentes propostas afondarán en conceptos como a profundidade, a auga, a escuridade ou o silencio. Perspectivas que van desde a bioloxía ou a ecoloxía ata o pensamento abstracto ou a poesía, levarannos desde o litoral á alta mar. A noite de inauguración acollerá un live cinema ideado expresamente para este acto. A formación efémera Submarina de Improvisación musicará en directo o filme mudo 'Vinte mil leguas de viaxe submarina' (Stuart Paton, 1916) baseado na obra homónima de Jules Verne, que contou co primeiro sistema de fotografía e filmación subacuática.

A programación audiovisual distribúese en tres seccións: Cosmos, Planeta GZ e Supernova. Un ano máis, a través das seccións Planeta GZ e Supernova o festival celebra o cine galego proxectando películas dirixidas por cineastas do país. Na edición de 2024 preséntanse nove películas deste mesmo ano en ?Planeta GZ, a maioría dirixidas por mulleres, que exploran diversas facetas da paisaxe rural a través do xénero documental: 'Exposed' de Nela Fraga; 'Pechar caixas abrir caixas', de Hugo Amoedo; 'Queimar cando morra', de Inés Pintor; ' A Blurred Photograph is a Space for a Memory Proposal', de Sabela Eiriz; 'Corre o vento', de Paula Fuentes e Guillermo Cabrera; 'Patios de luz', de Fran Rodriguez Casal; 'Humedalia', de Irene Saenz Carballeira; 'O patio', de Ariadna Cordal García; 'Sen ti', de Feyrouz Serhal; 'Histeria do meu pequeno mundo', de Pablo Fontenla. No caso da sección Supernova, a ollada do cine emerxente galego está representada en sete pezas, con estilos e formatos propios que van do documental, á ficción ou ao experimental: 'Muiño d'Abaixo', de Cris Souto; '.jpeg', de Anxo González Álvarez; 'A mirada delas' de Clara Maseda da Veiga; 'May You Live To See The Dawn', de Patricia Lleras e Ramón Martínez; 'El cuerpo que existe más que yo', de Elena Mato e 'Pura' da cineasta Carmen Méndez.

Segundo ano de Cosmos
No caso de Cosmos, esta é a segunda edición na que existe esta Sección Oficial, que volve recoller a vontade de romper as barreiras entre os xéneros cinematográficos e a procedencia das películas para poñelas a dialogar sen limitacións. Nesta ocasión, Cosmos propón unha selección de filmes heterodoxa que abrangue desde cine narrativo ata pezas abstractas, con numerosos ensaios fílmicos. 25 filmes de 18 países como Estados Unidos, Alemaña, Francia, Bélxica, Países Baixos, Suíza, Austria, Xeorxia, Irán , Bangladesh, Filipinas, Corea do Sur, Andorra e España. Cosmos é unha aposta porque o cine narrativo máis arriscado conviva directamente coas propostas de vangarda e onde a diversidade cultural e outros retos da nosa sociedade teñan un espazo para a súa visibilización e a súa reflexión. O xurado desta sección, que é a que mais premios reparte, estará composto por cinco persoas con diversos perfís: o comisario e docente Guilherme Blanc, director do Centro Batalha de Porto; o curador e programador Peter Taylor, director do Berwick Film Festival; a antropóloga social, investigadora e escritora Valeria Mata; a periodista Jara Yáñez, directora da revista 'Caimán Cuadernos de Cine'; e Caroline Maleville, programadora da Quincena de Realizadores do Festival de Cannes.

Espectáculos da vangarda audiovisual
Organizado polo Concello de Santiago de Compostela (Compostela Cultura), este festival conta cunha programación permeable que desborda a sala de cine con AV, conferencias, performances ou mesas redondas e outros espectáculos. O cartel de espectáculos audiovisuais do festival está marcado pola vangarda e unha destacada nómina de artistas internacionais: 33EMYBW (Xangai), Joey Holder (Reino Unido), Ricardo Giovinetto, (Italia), Alessandra Leone (Italia) Zoë Mc Pherson (Francia, Irlanda), Yousuke Yukimatsu (Xapón). O programa, ademais, conta con artistas da escena galega e estatal como Iván Torres Hernández, Andrés Rodrigues, Xoán-Xil, Bromo (Paloma Peñarrubia & Azael Ferrer), Emil Sáiz, Judith Adataberna, Javi Álvarez, Irene de Andrés ou Mwëslee. As súas actuacións desenvolveranse a cabo desde o xoves 3 ata o domingo 6 de outubro no Teatro Principal e na Sala Capitol.
Ligazóns