A nosa lingua e a Ría de Vigo están presentes este ano na 25ª edición dos premios Grammy Latinos da música grazas ao videoclip que o músico C.Tangana (Antón Álvarez) fixo para o tema que preparou como himno do centenario do Real Club Celta de Vigo, 'Oliveira dos cen anos'. A Academia Latina da Gravación, que organiza estes galardóns presentou onte a lista dos candidatos finalistas que agora pasará por unha nova votación para elixir gañadores. É na categoría 57 destes galardóns, dirixida a seleccionar o Mellor Vídeo Musical Versión Curta do ano, na que o traballo de C.Tangana no que aparece a Illa de san Simón, a Ponte de Rande e outras partes da ría, ademais de contar coa Coral Casablanca e as cantareiras e as pandereteiras Lagharteiras e Lilaina, opta ao premio. O videoclip é un dos seis que chegan a este proceso finalista, competindo agora con clips audiovisuais de artistas como Marc Anthony, Bad Bunny ou Residente, entre outros. Nesta fase finalista entra tamén o músico coruñés Iñigo Quintero, que tras do seu éxito viral coa canción 'Si no estás' é un dos dez finalistas ao premio a Mellor Artista revelación do ano. Entre o 27 de setembro e o 10 de outubro os membros da Academia poderán votar e será o 14 de novembro cando se coñecerán os gañadores na gala final.