Juanjo Lamas imponse no IX Concurso Balbino de Relatos

O xurado seleccionou o seu traballo O meigallo dos soños entre a vintena de orixinais presentados

A novena xeira do Concurso Balbino de Relatos xa ten gañador. Juan José Lamas impúxose entre os vinte traballos orixinais presentados a esta edición coa súa obra O meigallo dos soños, que comprende dez narracións. O autor recibirá un premio en metálico de 1.500 euros e verá a súa obra publicada por Edicións Fervenza.

O fallo do galardón destaca da obra "a súa variedade temática e a axeitada inserción de tramas nas que o detectivesco e o histórico se dan a man con relatos de natureza máis telúrica, onde o mundo dos nosos mariñeiros e labregos adquire carácter protagónico". Canda a isto, o xurado valorou "a súa solvencia nos diálogos e descricións" xa que "a través das diferentes narracións que se nos propoñen componse un amplo mosaico de personaxes que, de seguro, captará a atención do lectorado".

Carlos Loureiro Rodríguez, Fernando González Graña, Xosé Manuel Lobato, Rosalía Morlán e Armando Requeixo conformaron o comité de selección nesta xeira do certame. Edicións Fervenza organiza o concurso coa colaboración dos concellos de Vila de Cruces, Boqueixón e Silleda e mais da Deputación de Pontevedra e da Secretaría Xeral de Lingua, ademais do apoio da Fundación Neira Vilas.