“The Station Agent” consegue o Gran Premio e a Calpurnia a mellor actor na VIII edición do Festival de Cine Independente de Ourense

As Calpurnias que din

“O que dis que din” foi o traballo gañador da primeira edición na categoría de documentais do VIII Festival de Cine de Ourense. Producido por Voz Audiovisual, dirixido por Emilio Mac Gregor e con idea orixinal de Begoña Giménez relata a historia dun grupo de mozos, paios e xitanos dun barrio da Coruña, que asisten durante dous meses a un obradoiro de imaxe. Foi a sorpresa galega dun evento que concedeu o seu Gran Premio a “The Station Agent” e máis Calpurnias para a curtametraxe “Sueños” de Daniel Guzman, para Lina Sastri como mellor actriz, Peter Dinklege como mellor actor e a Francisco J. Lombardi o premio Carlos Velo ao mellor director nunha listaxe de premiados moi ampla. Pero o Festival de cine de Ourense que o sábado pechou a súas portas foi moito máis: exhibición, espectáculo e negocio.

A VIII edición do Festival Internacional de Cine Independente de Ourense arrancaba o sábado 8 de novembro coa proxección de “A sorte dormida” de Ángeles González Sinde. Alfombra vermella, teas, traxes de romanos, retransmisión en directo para cinco televisións locais (Telemiño de Ourense, Canaldeza de Lalín, Televigo, Televinte de Chantada e Telecoruña) e un aire hollywoodiense abrían unha nova edición dun certame do que xa se empezara a falar hai tempo pola polémica xestión económica. Foi a protagonizada por Emilio Araújo antigo xerente do Festival, hoxe concelleiro de Cultura, ao publicarse nos medios de comunicación a súa vinculación cunha empresa, creada catro meses antes do certame que facturou 36.000 euros en cobros fraccionados para a celebración da galas inaugural e de clausura. O caso é que o décifit da anterior edición foi determinante para que este ano se contara co orzamento máis baixo da súa historia (200.000 euros para esta edición, aínda que o presuposto final é de 378.000) ao mesmo tempo na edición na que había máis produccións: 10 longametraxes, 10 documentais e 51 curtametraxes a concurso.

Pero o festival de Cine Independente de Ourense é, despois de oito anos de traballo, a gran referencia do audiovisual galego. E xa non só por ser a grande cita do ano, senón porque na cidade das Burgas, durante oito días conxúganse as tres facetas máis importantes do audiovisual: espectáculo, exhibición e negocio.

Ourense espectáculo

A listaxe de gañadores desta edición amosa a madurez paulatina que o certame foi ofrecendo. Esta edición ofrecía unha categoría competitiva nova, a de documentais, onde o xurado composto por Ildefonso Ramos, Xosé Duran e Xosé Zapata que premiaron o documental coruñés “O que dis que din” da productora Vídeo Voz fronte a “Carrilanos, os túneles dun tempo”de Rafael Cid, que recibiu unha mención especial, ou “Muxía, política na costa da morte” de Ricardo Llovo e sete documentais máis.

O gran premio Calpurnia á mellor película, dotado con 12.000 euros foi para o filme americano “The Station agent” de Tom Mc Carthy; o Premio Calpurnia á mellor curtametraxe foi para “Sueños” de Daniel Guzman e “Final” de Jose Luís Montesinos. Na sección de longametraxes os vencedores foron lina Sastri por “Giovanni” como mellor actriz; Peter Dinklege por “The Station Agent” como mellor actor; Francisco J. Lombardi foi o gañador por “Ollos que non ven” do Premio Carlos Velo ao mellor director e o premio Aec á mellor fotografía foi para a longametraxe lusa “A muller policía” de Jackes Loiseleux e Miguel Sales López. As mencións especiais do xurado foron para “Kordon” de Goran Markovic na categoría de premio especial e para “Osama” de Siddiq Barmak.

Na sección curtametraxe o premio Calpurnia ao mellor director, dotado con 2.000 euros foi para Toni Berstad por “A viae” e Iván Saínz Pardo por “O labirinto de Simone”. “Di algo” de Luís Detell, con 1.500 euros fíxose co Premio Eixo Atlántico, mentres que “Kundas” de Antonio Naverro conseguiu o galardón que outorga a asociación de artistas (AISGE) ao mellor actor e que supón 1.500 euros.

Ourense exhibición

Durante unha semana Ourense tivo abertas as portas dos cines Novocine, Lauren e Dúplex, así como as do Centro Cultural da Deputación de Ourense acollendo unhas 120 produccións divididas nas diferentes categorías do festival. A sección competitiva de longametraxes, curtametraxes e documentais, unidas aos apartados paralelos.

Cuba foi o país convidado do que se puido ver unha mostra do traballo realizado no audiovisual cubano dos últimos tempos. “Fresa y chocolate” dos directores Tomás Gutiérrez Alea e Juan Carlos Tabio; “Lucía” de Humberto Solas ou “Suite Habanna” de Fernando Pérez.

Como cada ano, o certame quere premiar a unha figura que, dalgún ou doutro xeito, contribuíu ao desenvolvemento do audiovisual recente. Este ano o premiado foi Montxo Armendáriz, ao que se lle outorgou a primeira edición do premio Concello de Ourense. “Tasio”, “27 horas”, “As cartas de Alou”, “Historias do Kronen”, “Secretos del corazón” e “Silencio roto” foron as películas que se rescataron da súa filmografía para formar parte da súa homenaxe. E seguindo coas seccións paralelas, e máis en concreto, coas que teñen que ver co audiovisual en Ourense, desde a dirección do festival quíxose contar co cineasta segoviano (aínda que de familia ourensá) Jose Antonio Nieves Conde, director de filmes como “Surcos”, “O inquilino”, “Todos somos necesarios/ Ritorno alla Vita”, “Don lucio e o irmán Pío” e “As señoritas de mala compaña”, que se puideron ver durante o transcurso desta edición. Precisamente sobre este cineasta falaron Jose Luís Pérez Perucha e Jose Luís Castro de Paz que son os autores do libro “El cine de Nieves Conde”. Un novo volume do servicio de publicacións que ten o festival desde a súa primeira edición e que contribúe a crear memoria histórica do audiovisual galego.

Completaron as seccións paralelas “Inédito en Ourense” con “In this world” de Michael Winterbottom, un clásico en Ourense e ao que xa se lle dedicou unha retrospectiva; “As invasións bárbaras” de Denys Arcand, “Os noivos búlgaros” do español Eloy de la Iglesia, “Dogville” de Lars Von Trier entre un total de 15 produccións; e a ollada da muller chegou a través da categoría “Cine en feminino”, que é a última incorporación ao Festival. Nove produccións entre as que figuraba “Un día de sorte” de Sandra Gugliota ou “Quérote para sempre” de Susanne Bier.


Ourense negocio

A dirección do festival quixo converter a VIII edición do Festival en algo máis que un lugar de exhibición. E propuxeron facer un punto de encontro das partes implicadas no audiovisual como vía de negocio. Abriron así unha nova sección baixo o nome de “Título provisional” na que sentaron na mesma mesa a productores, canles de televisión e distribuidores e financiadores co obxectivo de seren un foro para a coproducción, para debater sobre os modos de financiamento, ampliar territorios e, en resumidas contas facer realidade os proxectos. Desde o festival contactaron co ex-director do CGAI, Pepe Coira quen asumiría o reto de coordinar un espacio que contaba con dous tipos de modelos: a relación directa entre productores e a relación entre productores e televisións.

A proposta foi ben acollida entre os profesionais do sector e case corenta empresas do mundo da televisión e das productoras chegadas desde España, República Checa, Francia, Portugal e México, concentráronse en Ourense durante dúas intensas xornadas de traballo. Segundo Coira non se pode falar de resultados a curto prazo, aínda que se fará un seguimento das vías abertas no festival, por se algún dos proxectos comentados se acaba convertendo nun producto audiovisual. Unha liña que poderá quedar aberta para sucesivas edicións e que axudarán a converter esta cita, xa non só nun referente cinematográfico de cara ao público, senón nun lugar de encontro ineludible para o sector.