O filme 'As Neves'participará na sección 'Made in Spain' do 72º Festival de San Sebastián

A longametraxe de Sonia Méndez é a única galega seleccionada

A longametraxe As Neves, ópera prima escrita e dirixida pola galega Sonia Méndez, atópase entre os filmes incluídos na sección Made In Spain do Festival Internacional de Cine de San Sebastián. A sección ofrece unha escolma das mellores películas do panorama cinematográfico estatal do ano, ás que o Festival ofrece unha plataforma para a súa difusión internacional. Logo de ter a súa première na Sección Oficial da pasada edición do Festival de Málaga, As Neves estreouse en salas en maio con gran acollida de público, manténdose ate sete semanas nos cinemas. Agora prepara o seu percorrido en novos festivais e a súa próxima chegada ás plataformas. O filme é un thriller adolescente ambientado nunha vila de Galicia que se achega cunha mirada íntima á xeración nova que vive no contraste da hiperconexión e o illamento. Está protagonizada por un grupo de actores novos, a maioría debutantes, que encabezan Andrea Varela e David Rodríguez Fernández, Antía Mariño, Xacobe Bruña e Irene Rodríguez.