Chega aos cines o filme 'As Neves'

Esta historia de intriga xuvenil é o debut na longametraxe de Sonia Méndez

Esta historia de intriga xuvenil é o debut na longametraxe de Sonia Méndez
Fotograma de 'As neves'
Tras dúas preestreas na Fonsagrada e na Coruña, e o seu pase polo 27º Festival de Cine de Málaga, este venres chegará ás salas comerciais o filme 'As Neves', debut na longametraxe de ficción da actriz realizadora Sonia Méndez, que asina tamén o guión. 'As Neves' é un filme de intriga ambientado nunha vila de montaña que se achega cunha mirada íntima á xeración nova que vive no contraste da hiperconexión e o illamento. Na noite do Entroido un grupo de adolescentes da vila celebra una festa e toman setas alucinóxenas por primeira vez. Ao día seguinte espertan cun temporal de neve e coa noticia de que Paula, unha das rapazas da festa, desapareceu. Mentres, a vila queda incomunicada e cae internet. Cada vez é máis urxente atopala. Comeza unha investigación que causará un profundo cambio nas súas vidas e na súa relación co mundo. O filme, rodado na súa versión orixinal en galego, está protagonizado por Andrea Varela e David Rodríguez Fernández ('Live is life'), ao que se suman novos talentos galegos que debutan na película como Antía Mariño, Xacobe Bruña e Irene Rodríguez, coa colaboración especial de Lucía Veiga ('Rapa', 'El desorden que dejas'). O filme está produción por Aquí y Allí Films e Cósmica Producións e distribuído en salas por Sideral Cinema.



O pasado 2 de maio tivo lugar unha preestrea na Fonsagrada, vila onde tivo lugar a rodaxe, contado coa presenza da directora e o elenco principal do filme. A preestrea na Coruña terá lugar este xoves, 9 de maio, nos Cantones Cines ás 20:30 horas e contará coa presenza dos seus equipos artístico e técnico, entre eles Sonia Méndez e o elenco protagonista. Cines das catro provincias galegas así como salas de Valladolid e Valencia acolleran a estrea comercial esta fin de semana. Espazos como os Cantones ou Marineda City na Coruña; Tamberlick e Vialia en Vigo; Códex e Yelmo en Lugo; As Cancelas, Multicines Compostela e NUMAX en Santiago; Cinexpo en Pontevedra; Dúplex en Ferrol; Ponte Vella en Ourense; cines Gran Arousa en Vilagarcía e Bergantiños en Carballo, serán os primeiros onde se poida ver este filme en Galicia. Ademais diso outras salas do resto do Estado o incluirán na súa oferta, como en Valencia (ABC Park) e Valladolid (Cines Broadway).