O I Festival Internacional de Poesia do Porto conta con Galicia como "região parceira"

A iniciativa desenvólvese desde o pasado 26 de xullo e ata o vindeiro mes de outubro

A cidade do Porto celebra desde este 26 de xullo a I xeira do seu Festival Internacional de Poesia, unha proposta que inaugura coa presenza de Galicia como "região parceira". Deste xeito, unha selección de nomes das letras galegas participan deste programa, que abriu Chus Pato nun coloquio con Inês Lourenço.

Ismael Ramos participou tamén do evento o día 28 nun recital canda aos lusos Marta Bernardes e Tiago Alves Costa. Marga Tojo continuará a presenza galega no festival cun recital o vindeiro 3 de agosto. A eles sumaranse, ata o vindeiro mes de outubro, os nomes de Esther F. Carrodeguas, Olga Novo, Rosalia Fernandes Real, Samuel L. Paris e Xosé María Álvarez Cáccamo nun programa que está aínda por concretar.

Segundo apunta a presentación do festival, "a presença da Galiza no FIPP é uma celebração desta ligação especial, um convite a explorar a riqueza da poesia galega e a fortalecer os laços que nos unem. As vozes dos poetas galegos irão ecoar nas ruas do Porto, trazendo consigo a força da tradição e a vitalidade da criação contemporânea". A coordinación desta colaboración transfronteiriza desenvolveuse coa colaboración de Francisco Macías, responsable de Edicións Positivas.