Identifican Gallaecia como a provincia romana con "máis evidencias da produción de sal mariña"

Os resultados foron publicados na revista Quaternary Science Reviews

Os resultados foron publicados na revista <em>Quaternary Science Reviews</em>
Salina de O Seixal (A Guarda). Foto: Brais X. Curras et al.
A costa litoral galega e do norte de Portugal contén o maior número de "evidencias directas da produción de sal mariña" que permiten conluír que a "a costa noroccidental da Península Ibérica foi un gran rede produtiva de sal e salgazón de peixe que tivo un impacto directo na estrutura socioeconómica da sociedade provincial" de Gallaecia. Así o poñen de manifesto os autores The roman saltworks of the Atlantic coast of Gallaecia: Traces and evidence of a large sea salt production complex, que se acaba de publicar nun monográfico dedicado á arqueoloxía do sal na revista Quaternary Science Reviews. O artigo está asinado por un extenso equipo liderado polo arqueólogo do CSIC Brais X. Currás. A revista menciona o paradoxo entre as numerosas referencias á produción de sal nas fontes romanas, un elemento fundamental da economía do Imperio, e a enorme escasez de evidencias arqueolóxicas de salinas ao longo do seu extenso territorio. Neste sentido, as estruturas descubertas no litoral da antiga Gallacia, a maior parte delas entre a década de 1960 e 1950 supoñen o maior volume de restos arqueolóxicos. Porén, "nin foron sempre identificadas como salinas nin a súa datación amplamente aceptada, así que nunca se tiveron moi en conta".


Xacementos mencionados no estudo. Gráfico: Brais X. Curras et al.

A revisión da documentación e as propias prospeccións e intervencións arqueolóxicas do CSIC nos útlimos anos permitiron identificar 26 sitios con restos de salinas romanas que puideron ser datados. A maior parte deles concéntranse no sur das Rías Baixas e na costa entre Vigo e o río Douro, "coincidindo con notable precisión co convento xurídico bracarense". Porén, tal enorme concentración non deixou trazas nas epigrafía ou nas fontes literarias romanas. Os investigadores detéñense en xacementos como A Lanzada, os restos da ría de Vigo como O Areal, ou os diferentes xacementos escavados recentemente en Oia. Para os investigadores, toda esta explotación de sal debe ser conectada co gran número de factorías de procesado de peixe das Rías Baixas que moitas veces, como en Vigo, se atopan preto das propias explotacións de sal, e realizadas pola iniciativa privada a través de individuos ou corporacións que complementaron os negocios. No artigo os arqueólogos preguntanse pola "relación entre a produción de sal e os territorios das comunidades locais, coma os Seurbos, Leunos, Grovios e Helenos. Ao tempo, "o número limitado de escravos documentados no noroeste de Hispania suxiren un modelo diferente de traballadores do sal", distinto ao doutros puntos de explotación como a Galicia. "A ligazón evidente entre os asentamentos e os centros de produción resalta a importancia do traballo das comundiades locais. O seu estatus como xente libre e a súa integración nunha economía campesiña implica que deberon traballar nas salinas como servizos á comunidade ou como temporeiros nos negocios privados", propón o artigo.