O grupo Eu.Experimento de teatro afeccionado do Camões – Centro Cultural Português em Vigo pertencente á rede do instituto luso, pechará este vindeiro mércores 26 de xuño o ano lectivo cun espectáculo novo que supón un percorrido pola súa sede viguesa. Segundo explica a Revista galega de Teatro Erregueté, a través de dúas sesións a celebrar ás 19:00 horas e ás 20:30 horas este grupo dirixido por Afonso Becerra de Becerreá representará o espectáculo 'Eu.Camões'. Vinte persoas poderán asistir a cada sesión, de balde previa retirada de convite. A proposta é unha viaxe en cinco pequenas pezas autónomas que percorrerá outros tantos espazos do centro cultural situado na Casa Arines. O percorrido comezará nos exteriores do edificio, fronte á fachada, despois serán as escaleiras a seguinte parada, biblioteca, aulas e finalmente salón de actos completarán o percorrido con cadansúa peza. A entrada é libre, suxeita a reserva previa a través dos seguintes contactos: Tel: (+34) 986 430370 / ccp-vigo@camoes.mne.pt