Compostela acolle a segunda xeira das Quintas do Camões

O ciclo inclúe dúas montaxes e a presentación da Antoloxía do teatro galego contemporáneo

| Santiago. Redacción | Seccións: Espectáculos
Compartir:
Compostela acolle a segunda xeira das Quintas do Camões

Este 25 de outubro comeza no Salón Teatro de Compostela por segundo ano consecutivo o ciclo Quintas do Camões. Esta iniciativa do Instituto Camões en colaboración do Centro Dramático Galego supón un espazo de intercambio que pon "o foco nas raíces comúns dos idiomas galego e portugués, ademais de incidir no papel do teatro como espazo para o encontro cultural".

A proposta comeza a súa actividade coa presentación da Antoloxía do teatro galego contemporáneo, unha publicación bilingüe en dous volumes realizada pola asociación Cena Lusófona en galego e en portugués. O primeiro dos volumes permite coñecer as obras Un hotel de primeira sobre o río, de Xohana Torres, O aniversario. Cerimonia de laios e saloucos, de Euloxio R. Ruibal; Días sen gloria, de Roberto Vidal Bolaño; Cando chega decembro, de Manuel Lourenzo; As certezas de Ofelia, de Luisa Villalta; Lugar, de Raúl Dans, e Footing, de Gustavo Pernas Cora, ademais do ensaio introdutorio Historia dun futuro, por Dolores Vilavedra.

O segundo dos volumes recolle As do peixe, de Cándido Pazó; Judite, de Marcos Abalde Covelo; Voaxa e Carmín, de Esther F. Carrodeguas; Nome: Bonita, de Vanesa Sotelo, e Ás oito da tarde, cando morren as nais, de AveLina Pérez.

Canda á presentación da obra, o ciclo presentará dúas representacións do monólogo Achadiço de Nuno Cardoso, que se poderá ver os días 26 e 27. Para o 1 de decembro a Companhia de Teatro de Braga fechará o programa coa posta en escena do Calígula de Albert Camus con dirección escénica do galego Manuel Guede Oliva.

Que che parece esta nova?
94 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

Do mesmo ámbito