Unha mostra amosa a pegada de Mary Quintero na fotografía viguesa

Montou estudio propio na cidade en 1952 onde fixo unha extensa carreira como retratista

| Santiago. Redacción | Seccións: Arte
Compartir:
Unha mostra amosa a pegada de Mary Quintero na fotografía viguesa

A Sala Rosalía de Castro da sede viguesa da Deputación provincial da Pontevedra acolle xa a mostra "Mary Quintero. A fotógrafa cun estudo propio e cunha ollada única", que ofrece máis de 150 fotografías, así como negativos fotográficos, premios e libros na exposición que se poderá visitar ata o 28 de xuño. Hoxe xubilada, Quintero (Melide, 1931) comezou moi nova no mundo da fotografía e, grazas á súa ollada diferente, pronto se converteu nunha das máis recoñecidas retratistas en Galicia. En 1952, con tan só 21 anos e a raíz dunha serie de traballos que lle solicitaron en Vigo, montou o seu propio estudio na rúa Urzaiz, sendo o primeiro rexentado por unha muller na cidade e converténdose no inicio dunha prolífica e extensísima carreira profesional.

A exposición analiza tres facetas da vida de Mary Quintero: como muller, como fotógrafa e como nai, recollendo o seu legado nestas tres esferas que, en moitas ocasións, están solapadas. Deste xeito, arranca cunha serie de ambientacións e retratos de personaxes e da súa propia familia, así como con imaxes de políticos. A continuación recolle diferentes aspectos que vertebraron a traxectoria profesional de Mary Quintero como é a moda ou o teatro. Tamén preséntanse imaxes de espazos e de actividade como a cow parade. Na sala tamén queda recollida a fotografía dixital e preséntanse algúns dos premios que recolleu na súa traxectoria, así como negativos fotográficos, libros ou o ambiente do seu estudo e da súa vida familiar.

Durante o acto de inauguración da mostra se deron a coñecer dúas importantes novas con respecto a Mary Quintero. A primeira delas, a edición dun catálogo da exposición para dar a coñecer o seu traballo e a pegada que deixará para sempre na historia da fotografía de Galicia e da nosa cidade. Ademais, Mary Quintero será a primeira muller viva en protagonizar un dos capítulos do programa provincial "Aquí faltan páxinas", no que se da voz a mulleres fundamentais da provincia de Pontevedra, referentes, exemplares, en diferentes ámbitos da sociedade. O 27 de xuño terá lugar na sede de Vigo da Deputación o faladoiro deste programa, no que se dará a coñecer a ampla traxectoria profesional de Mary Quintero.

Que che parece esta nova?
52 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Fotografía, Mary Quintero, Rosalía de Castro, Pontevedra...