Os pasos de Luisa Villalta por Santiago nunha publicación do Consorcio da cidade

'Andei por Santiago, pisando estrelas' recolle un poema da autora dedicado á cidade que acompaña de fotografías

| Santiago. Redacción | Seccións: Día das Letras
Compartir:
Os pasos de Luisa Villalta por Santiago nunha publicación do Consorcio da cidade

Unha nova publicación ven de sumarse ás homenaxes a Luísa Villalta polo Día das Letras Galegas, o libro 'Andei por Santiago, pisando estrelas' coeditado polo Consorcio de Santiago e Teófilo Edicións. Esta publicación homenaxea á poeta coruñesa cunha selección de fotografías de Compostela, acompañadas dun poema dedicado á capital galega que pertence ao poemario 'Música reservada', publicado no 1991. O título destes versos é o que dá nome a esta publicación na que unha escolma de fotografías da cidade na que a autora homenaxeada estudou e que formou parte da súa vida cultural, musical e activismo social acompañan aos versos do citado poema. A nova publicación forma xa parte da Biblioteca Literaria do Consorcio.

No acto de presentación desta publicación participaron, Goretti Sanmartín Rei, alcaldesa do Concello de Santiago e presidenta do Consorcio de Santiago; Susana Villalta Gómez, irmá da autora homenaxeada; José Luis Teófilo, director e editor en Teófilo Edicións; Concha Losada Vázquez, presidenta do padroado do Museo do Pobo Galego e Belén Hernández Lafuente, xerente do Consorcio de Santiago. En palabras de Goretti Sanmartín, 'Andei por Santiago / pisado estrelas' é un poema no que Luísa coa súa "voz poética lembra as súas noites santiaguesas como a historia da cidade, o poema tráenos ao presente para falar da amizade das rúas, dos espazos que falan e da chegada da alba", amais de mencionar lugares emblemáticos da cidade como a Praza da Quintana, Hortas, Casas Reais, Rúa Nova, Rúa do Vilar, Praza do Toural ou Pratarías.

Que che parece esta nova?
66 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Ligazóns externas

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Consorcio de Santiago, Luísa Villalta, Día das Letras Galegas, Goretti Sanmartín...