A BD galega volta ao festival Cómic Barcelona cun posto da Consellería de Cultura

O departamento da Xunta anuncia a promoción de oitenta títulos e de eventos como Viñetas desde o Atlántico

O departamento da Xunta anuncia a promoción de oitenta títulos e de eventos como Viñetas desde o Atlántico
Posto da Consellería de Cultura no festival Cómic Barcelona 2024
Logo de quince anos, a banda deseñada galega volta estar representada no festival Cómic Barcelona (antigo Saló del Còmic) cun posto propio. A Consellería de Cultura anunciaba este 3 de maio, día de apertura do evento, que este espazo dará "promoción e difusión a 80 títulos de novidades editoriais deste xénero". Segundo sinala o departamento, esta delegación "facer medrar aínda máis a presenza no eido da banda deseñada, onde a comunidade é xermolo e viveiro de moitos proxectos e creadores e creadoras con talento e prestixio".

No marco deste espazo, está a confirmada presenza no evento de Manel Cráneo, autor, coordinador de Viñetas do Atlántico e editor de Demo editorial, que presentará o día 4 de maio a nova edición do festival da Coruña. Canda a el, confirman a súa participación no posto Fausto Isorna e Gemma Sesar, de El Patito Editorial, que achega os seus títulos a este espazo. Cristina Rubal, subdirectora xeral de Bibliotecas e do Libro visitará tamén o evento barcelonés. A fotografía do posto remitida pola Consellería amosa ademais logotipos da editorial Galaxia e da Asociación Galega de Profesionais da Ilustración.

Segundo adianta a Consellería, no evento presentarase o festival de animación Imaxinaria e o certame Compostela Ilustrada, aínda que o programa oficial do encontro non dá conta de ningún destes actos. No momento de redacción desta nova o departamento non confirmara a listaxe completa de entidades que participan no stand nin as actividades previstas.

O web de Cultura sinala que Kiko da Silva, ilustrador, director de O Garaxe Hermético e xerente de Retranca editora tamén participa no festival, se ben este profesional sinalou que a súa asistencia é a título estritamente persoal. Deste xeito, as entidades das que participa non achegaron títulos ao posto promocional da Xunta nin el mesmo fará parte das actividades promovidas desde o goberno galego. Segundo denunciou nas súas redes sociais, as condicións de participación da Xunta non cubrían gastos de viaxe, de aloxamento nin o envío dos libros para exhibir o posto, que corren por conta das editoras.

De xeito similar, outros nomes da BD galega como Emma Ríos, autora do cartel do festival deste ano, ou David Rubín estarán presentes no evento pero sen ter previstas actividades vencelladas ao posto institucional.