Anxo Angueira entra na RAG a falar da luz en Rosalía de Castro

A Academia publica na rede o discurso íntegro do seu novo membro

A Academia publica na rede o discurso íntegro do seu novo membro
Anxo Angueira durante o seu ingreso na RAG. Fonte: RAG
Co título I es a noite, i es a aurora: A poética da luz en Rosalía de Castro, o escritor, profesor da área de Filoloxías Galega e Portuguesa da Universidade de Vigo e presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, ingresaba este sábado 27 abril na Real Academia Galega como membro de número.

Segundo lembra a entidade, Angueira, que ocupa a vacante provocada polo pasamento de Salvador García-Bodaño, centrou a súa intervención de ingreso na poética da luz en Rosalía de Castro, "un elemento que en Rosalía funciona como símbolo tanto da dimensión social como existencial da súa obra e que reforza dende a reivindicación do espertar político de Galicia nas páxinas de Cantares gallegos ata o reflexo das complexidades do eu nos versos de 'Negra sombra'".

O acto de benvida ao novo académico desenvolveuse no auditorio municipal de Padrón, edificio que no seu día albergara o Instituto no que o propio Angueira estudou. Segundo lembrou este investigador, "dalgún xeito, con este acto de tan alta honra regreso ó lugar no que empecei e do que partín, onde se forxou de xeito decisivo o que eu son como escritor, como profesor e como cidadán". Segundo lembrou, "Padrón, pois, é a miña vila, como Manselle é a miña aldea, Laíño a miña freguesía, Dodro o meu concello, a de Iria a miña Terra ou Vigo a miña cidade". O filólogo sinalou tamén que foi en Padrón onde por vez primeira leu en lingua galega, os versos de Rosalía de Castro tallados na pedra estatua da autora situada no Espolón. A Real Academia Galega ten xa dispoñible no seu web o texto íntegro do discurso de Angueira.

A resposta ao texto correu a cargo de Chus Pato, que repasou a traxectoria do autor a través da súa biografía e obra e sinalou que "se tivese que elixir unha palabra para definir o corpo letrado de Anxo Angueira non o dubidaría: a palabra é Rexurdimento". Pola súa banda, o presidente da Academia, Victor F. Freixanes destacou que "a incorporación de Anxo Angueira á RAG fortalece os recursos intelectuais e humanos a prol da nosa cultura e a nosa lingua, ben necesitada de todas as vontades, intelixencia e traballos".