A Semana Muller e Cultura de Vilagarcía céntrase no eido musical

Comeza este venres cun faladoiro que reúne a profesionais do sector e inclúe dous obradoiros prácticos

Guadi Galego participará no faladoiro de hoxe
Guadi Galego participará no faladoiro de hoxe
A presenza e actividade das mulleres na música é o eixo ao redor do que xira o programa da Semana Muller e Cultura que comeza hoxe en Vilagarcía de Arousa. Estes encontros que terán lugar hoxe venres, mañá sábado e o venres 3 de maio están organizados desde a Área de Igualdade do concello e teñen como obxectivo poñer en valor o papel das mulleres que traballan na creación cultural e artística, así como fomentar a inclusión e a visualización das profesionais femininas nestes sectores que tradicionalmente foron copados por homes. Baixo o título xenérico 'A muller na música' dá comezo o programa hoxe ás 20.00 horas no Salón García cun faladoiro do mesmo nome no que o concello reúne a un feixe de profesionais do sector para dar conta do estado de situación neste sentido: a cantante e compositora, Guadi Galego; a presidenta da Asociación Galega de Empresas Musicais e mánager, Patricia Hermida; a cantante, creadora de Mulleres Galegas Kañeras e directiva da asociación Músicas ao Vivo, Patty Castro; a vilagarciá, Kris K, DJ residente da Duendeneta; e Tere Tresandí, técnica de iluminación. A conversa estará dirixida e moderada pola xornalista pontevedresa Teresa Cuiñas. A xornada rematará ás 21:30 horas no mesmo espazo cun concerto da vilagarciá Catuxa Salom.



Polo seu carácter proactivo esta Semana Muller e Cultura ofrece tamén dous obradoiros relacionados coa propia actividade artística para facilitar a entrada das mulleres en xéneros musicais moi concretos. Así, o sábado 27 e tamén no Salón García realizarase o primeiro dos obradoiros previstos, o de Iniciación á música electrónica que impartirá a vilagarciá Vicky Longa, música, compositora e directora do Longa Music Lab. A actividade desenvolverase nas instalacións do Auditorio en horario de 10 a 13.00 horas e as persoas interesadas en participar teñen aínda hoxe de prazo para anotarse a través do departamento de Igualdade do Concello de Vilagarcía. Tamén está aberta a inscrición para a actividade de peche desta semana, o obradoiro de rap feminista "Dar resposta" que impartirá o 3 de maio a artista High Paw nas instalacións do Auditorio en horario de 16 a 19 horas. A asistencia tamén é de balde e as persoas interesadas deben inscribirse utilizando os medios sinalados para o anterior obradoiro.