Boiro iza a bandeira da República Creativa na IIª Xornada da Música

O evento reunirá este sábado a representantes de varias ramas do sector musical

A localidade coruñesa de Boiro, nas terras do Barbanza, acollerá este sábado as II Xornadas da Música: "Boiro, Territorio Musical", una cita para a reflexión, o contacto e a formación que recoñece o papel crecente desta vila no panorama cultural e xeneral e musical en particular. Organizado pola iniciativa comunal República Creativa , da que forman parte empresas e asociacións locais co apoio do Concello boirense, esta xornada xunta no Centro Social a numerosas figuras profesionais do tecido musical de toda Galicia para intercambiar experiencias desde varias perspectivas do sector. A asistencia é aberta e de balde. Pola II Xornadas da Música "Boiro, Territorio Musical" pasarán durante todo o día artistas, promotores ou representantes para afondar desde tres mesas redondas en temas como a música como factor de desenvolvemento territorial, a situación de desigualdade das mulleres na escena musical e a potencialidade local de Boiro como territorio musical. O elenco de invitados para debullar estes temas é extenso e entre eles están como caras máis coñecidas Julio Gómez, co-director do Festival Sinsal; Susana Saavedra, cantante de Agoraphobia; Fran Velo, músico de Heredeiros da Crus e Lakazáns; Patricia Hermida, mánager e membro da Asociación MIM; Guadi Galego e Sonia Lebedynsky. Ademais o evento inclúe unha Masterclass de Multipercusión tradicional a cargo de Xosé Lois Romero. Esta xornada rematará con dous concertos, un a cargo da Banda Municipal De Música De Boiro (Casa da Cultura Ramón Martínez López) e outro co grupo The Rebels n' A Pousada Das Ánimas (premio Organistrum da Música á mellor Sala 2017).