Sucédense as homenaxes aos desaparecidos Fran Cortegoso e Narf

A Pousada das Ánimas busca sufragar unha estatua ao músico en Boiro

A Pousada das Ánimas busca sufragar unha estatua ao músico en Boiro
Fran Pérez e Fran Cortegoso
O pasado ano deixou no mundo das letras e da música dúas desaparicións prematuras que causaron fonda dor e tristura nos círculos culturais. Os pasamentos do músico Narf (1968-2016) e do poeta Fran Cortegoso (1985 – 2016) seguen moi presentes nas artes galegas e xorden iniciativas de recordo e homenaxe nestes días. O local cultural de Boiro, A Pousada das Änimas, que ven de ser gañadora do premio Mártin Códax de Música á mellor sala de concertos, organiza para o vindeiro día 10 de xuño un festival de homenaxe ao desaparecido Fran Pérez “Narf”, habitual no establecemento. O festival dedicado ao compostelán contará con varias actuacións e busca ademais sufragar o levantamento dunha estatua que inmortalice a figura do músico.

Por outro lado este sábado 27 de maio, ás 20h, terá lugar no Teatro Principal de Pontevedra unha homenaxe poético-musical ao escritor pontevedrés Francisco Cortegoso. O acto POR UN AMOR COMÚN, presentado por Silvia Penas, e que conta co apoio do Concello de Pontevedra, a Libraría Paz, o Ateneo de Pontevedra e Chan da Pólvora, incluirá a lectura de textos do poeta, palabras de lembranza de amigos do escritor, a emisión de dous videopoemas e un vídeo de homenaxe e a actuación do grupo compostelán Atrás Tigre. Participan no acto: Chus Pato, Xabier Cordal, Anxos Sumai, Isaac Xubín, Alba Cid, Oriana Méndez, Claudio Pato, Jesús Castro, Xes Chapela, Alicia Fernández, Gonzalo Hermo, Genaro da Silva, Adrià Targa e Atrás Tigre (Pedro Solla, Olalla Cociña, Xiana Arias e Antón Blanco).