
O programa foi presentado esta mañá na Praza de Feixoo da capital galega, coa presenza de Manu Rodríguez e Ánxeles Porto pola A.C. Cidade Vella e coa participación da vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín e do alcalde de Santiago Martiño Noriega, como institucións públicas que apoian o festival. No festival deste ano, o máis longo e abondoso dos celebrados, haberá numerosas bandas e artistas locais e galegos de todos os xéneros musicais así como unha importante presenza de músicas internacionais con artistas de México, Ghana, Colombia, Estados Unidos, Cuba, Canadá, Reino Unido e Portugal. Como novidade deste ano o festival tamén presenta un viño propio, un ribeiro con uva Treixadura que leva etiquetado para o evento. En palabras de Ánxeles Porto, as conmemoracións persoais que se fan este ano, sobre todo ao desaparecido Narf, tan presente na dinamización cultural da cidade, farán desta unha edición moi especial do Feito a Man "como nunca desde o corazón e como nunca a flor de pel".
Seguindo cos sinais de identidade do festival de promover a escena local nestes vintesesi días de programación continuada poderá verse a bandas como Aló Django; Puma Pumku; Som do Galpón; Valentín caamaño Trío, Andhrea & The Black Cats; Mojo experience; Zapa; Pardo; A compañía do ruído; Noé Black & The bang band, etc. Alén disto a oferta de músuica internacional chega ás rúas e prazas da man de bandas como Quique escamilla (Canadá / México); Kyekyeku (Ghana); Kamankola (Cuba); Cygne ( California); Haena (Portugal); Scratchy Sounds (Reino Unido); Dj Najle (Colombia); Kaela Rowan Band (Escocia); Michelle Alany and the Mystics (EEUU); Mongrel State (Irlanda) ou Luiz Caracol (Portugal).