'+ Cuñados' comeza hoxe a súa distribución en cines

A secuela de 'Cuñados' chegará simultaneamente a 34 salas galegas este venres

'Máis Cuñados' ( + Cuñados), o filme de comedia presentado coma secuela de 'Cuñados' (2021) fai hoxe na Coruña a súa estrea de alfombra vermella e chegará mañá a salas comerciais de todo o Estado. A película dirixida por Luís Avilés Baquero e producido por Portocabo, terá a maior estrea comercial dentro da comunidade autónoma ao chegar simultaneamente a 34 salas, practicamente todas as que hai no territorio galego. Ademais diso poderá verse en varias cidades españolas, movéndose nesta fin de semana un total de 45 copias da longametraxe producida por Portocabo. O filme, rodado en galego, busca repetir o éxito da primeira entrega e para iso contará de novo con algunhas das caras máis recoñecidas do noso panorama audiovisual: Xosé A. Touriñán, Miguel de Lira, Federico Pérez Rey, Eva Fernández, María Vázquez, Iolanda Muíños e Mela Casal. A eles súmanse nesta segunda entrega, entre outros, os actores David Perdomo, Ivo Bastos, Ana Saltão ou Nuno Sá.



O caso de '+ Cuñados' supón para a industria audiovisual galega unha 'rara avis' ao ser unha secuela dunha longametraxe anterior, un modelo de produción habitual a nivel global tomado directamente da industria estadounidense pero que aquí ten moi poucos antecedentes. Nesta nova entrega a acción de '+ Cuñados' sitúase dous anos despois do acontecido na primeira película. Os cuñados vense envoltos nun novo e máis criminal enredo, esta vez co Entroido Ourensán como pano de fondo. A nova aventura dos cuñados arranca coa aparición dun cadáver xusto no medio da ponte internacional de Tui. Este feito vén do sucedido uns días antes… Chega o Entroido e a familia Ribeiro prepárase para gozar das festas favoritas de todo bo ourensán. Pasaron dous anos da detención de Alicia Zamora e o seu socio portugués. Os cuñados montaron un posto de polbo en Ourense, a forma perfecta de branquear o diñeiro do botín que lles caeu do ceo. Entre unha cousa e outra, Modesto converteuse nun cuñado máis da familia. A aparición en Ourense de Andreia Nunes (a parella do portugués detido) buscando vinganza, complicaralles as cousas aos cuñados, meténdoos nun novo enredo que converterá este Entroido nun auténtico baile de máscaras.

Estrea hoxe na Coruña
Este xoves o equipo de '+Cuñados' celebrará nos Cantones Cines da Coruña a estrea comercial do filme, cun pase aberto ao público no que estará presente o elenco principal xunto o equipo técnico e diversas entidades que colaboraron na produción e promoción da película, entre elas a Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, Televisión de Galicia ou Televisión Española. Confirmou a súa presenza o novo Conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, nun dos primeiros actos públicos ao que acode tras o seu nomeamento. O filme, xa na fin de semana chegará a practicamente todas as salas de exhibición de cine comercial galegas e tamén poderá verse no resto de España en salas de Guadalaxara, Santander, Antequera, Albacete, Ponferrada e Madrid. Algúns dos pases previstos nos vindeiros días por todo o país contarán con coloquios co director, actores e actrices da película.
A listaxe inicial de lugares para eses coloquios, que poderá ampliarse, inclúe:.

20 de abril | FERROL | Duplex | 17:30h presentación e coloquio con Iolanda Muíños.
20 de abril | A ESTRADA | Minicines Central | 19:00h coloquio con Luís Avilés.
20 de abril | A ESTRADA | Minicines Central | 21:00h presentación con Luís Avilés.
21 de abril | A CORUÑA| Cantones Cines |19:30h coloquio con Xosé A. Touriñán e Eva Fernández.
21 de abril | VIGO| Multicines Norte |17:40h coloquio con Federico Pérez.
21 de abril | VIGO| Yelmo Travesía|18:20h coloquio con Federico Pérez.
22 de abril | SANTIAGO | Numax |19:35h presentación e coloquio con Iolanda Muíños e Federico Pérez.
24 de abril | A CORUÑA| Cantones Cines |19:30h coloquio con Xosé A. Touriñán.
24 de abril | A CORUÑA| Cantones Cines |21:30h presentación con Xosé A. Touriñán.