As Vidas Paralelas celebran hoxe en Lisboa o encontro entre a lingüística galega e portuguesa

Un evento acolle a conversa entre Ivo Castro e Henrique Monteagudo

Un evento acolle a conversa entre Ivo Castro e Henrique Monteagudo
Entre Ivo Castro, catedrático da Universidade de Lisboa (e doutor honoris causa pola USC) e Henrique Monteagudo, profesor da Universidade de Santiago, hai unha relación de amizade pero sobre todo de intercambio científico e de pontes tendidas entre culturas e ámbitos de coñecemento. As claves dese encontro cultural entre a filoloxía portuguesa e a galega será o centro da conversa que os dous profesores manterán no ciclo Vidas Paralelas, que hoxe se estrea na Faculdade de Letras da Universidade de Lisboa ás 18 horas e que acollerá nos vindeiros meses tamén outras conversas paralelas entre autores galegos e portugueses. No coloquio non só comentarán as traxectorias académicas e vitais conxuntas de Ivo Castro e Henrique Monteagudo, senón que ademais artellarán unhas «vidas paralelas» dentro doutras: a relación epistolar entre as históricas personalidades de José Leite de Vasconcelos (1858-1941) e Andrés Martínez Salazar (1846-1923). É unha iniciativa da Cátedra de Estudos Galegos da Faculdade de Letras da Universidade de Lisboa en colaboración co Consello da Cultura Galega. Para abrir boca, realizáronse dúas entrevistas en profundidade con estes autores. Foi a coordinadora da Cátedra de Estudos Galegos, Ana Sánchez Tarrío, quen entrevistou en Lisboa a Ivo Castro e o profesor e investigador Xosé Antonio López Silva quen fixo o mesmo con Henrique Monteagudo en Santiago de Compostela. As entrevistas xa se poden seguir nesta mesma noticia.

Xosé Antonio López Silva entrevista a Henrique Monteagudo:





Ana Sánchez Tarrío entrevista a Ivo Castro: